Encontros para falar en galego no CPI de San Sadurniño: «A rapazada usa cada vez menos a nosa lingua»
SAN SADURNIÑO

Xuntáronse mestres e alumnos de distintas etapas para falar dos 50 anos de historia do centro
11 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Quedar para falar en galego. Ese era o principal propósito do Equipo de dinamización da lingua do CPI de San Sadurniño, que coordina Uxío Leira, e acadouno. Convidou a exalumnos e exdocentes do colexio, que se xuntaron con estudantes e mestres que están agora nas aulas para falar do medio século de historia do centro (cúmprese xusto neste curso) e os cambios experimentados. Formáronse seis grupos dunhas 12 persoas de diferentes idades, que abordaron o uso da lingua no ámbito familiar e escolar, como era «antes e agora», ou expresións e palabras que foron quedando en desuso.
No encontro que se celebrou na Casa da Cultura tamén se recolleron historias, contos ou lendas dos que se escoitan nas casas, ademais de comparar as celebracións escolares ou as actividades culturais dos distintos períodos; ou mesmo o funcionamento do comedor escolar, a horta na colexio ou os xogos, os xoguetes e o deporte (como enchían antes e agora o tempo de lecer e os recreos). Remataron analizando as diferenzas na relación do alumnado co profesorado e coas familias nestes anos.
Esta iniciativa xurdiu «da necesidade de crear espazos confortables para falar en galego, xa que a rapazada fala cada vez menos na nosa lingua, e os que falan non teñen moitas oportunidades de socialización na súa lingua», explica Leira. Destaca que o resultado foi «unha xuntanza emotiva na que saíron moitas anécdotas».
O Equipo de dinamización da lingua galega impulsou esta actividade da man de Amparo Calvo e coa colaboración da Anpa, o Concello (cedeu a Casa da Cultura e convidounos a todos a chocolate) e, por suposto, de vellos alumnos e docentes xubilados, así como nais de rapaces que estudaron no centro. Tamén houbo música, con Ferreñas club (un grupo de rapazas do centro) e o cantautor de Couzadoiro (Ortigueira) Diego de Braelle.