Exposición de Blanca Escrigas na galería do concello de San Sadurniño

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

CÉSAR GALDO

A autora de Valdoviño recrea nas súas obras recunchos ben coñecidos da comarca

27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha mostra de acuarelas de Blanca Escrigas (Valdoviño, 1988) serviu para reinaugurar a galería do concello de San Sadurniño, logo das obras de restauración executdas nesta parte do edificio. A exposición, unha escolma do seu traballo (con recunchos ben coñecidos da comarca) permanecerá aberta ata o 15 de novembro

Como recordan desde o goberno local Escrigas conta cun estudo propio en Espazo Branco, un proxecto que xestiona coa súa nai na rúa Magdalena, en Ferrol. Está aberto ao público, e alí imparte cursos e talleres para persoas adultas e rapazada.

«Hai unhas semanas que a veciñanza xa pode utilizar a galería para acceder aos distintos servizos, pero faltábanos recuperar a súa función como espazo para exposicións e outros eventos», explicou o alcalde, Secundino García, no acto inaugural. «As persoas que expuxeron aquí sempre o fan encantadas e coméntannos que é un lugar ideal pola súa luminosidade, porque por aquí pasa moita xente todos os días, o que lle dá visibilidade ás obras, e porque expoñer nun edificio como a Casa do Concello, con tanta historia e tan fermoso como é, sempre enxalza calquera mostra», engadiu.

En canto ao proxecto de restauración da galería, que foi adxudicado ao Grupo Cándido Hermida, o orzamento foi de 200.000 euros, para reconstruír, «practicamente desde cero», tres das catro alas do principal corredor interior da casa consistorial.