San Sadurniño mercará a Nave de Carnero cun crédito de 150.000 euros da Xunta

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

O Concello ten alugada a instalación desde hai 25 anos e úsaa para o departamento de Servizos e Obras

03 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de San Sadurniño mercará a coñecida como Nave de Carnero, que agora é a base do departamento municipal de Servizos e Obras en réxime de aluguer. A operación realizarase mediante un crédito de 150.000 euros financiado polo Fondo de Cooperación Local, que o Concello deberá devolver en oito anos, sen xuros. Así o establece o convenio de colaboración entre a Administración local e o Instituto Galego de Vivenda e Solo asinado hai uns días polo alcalde, Secundino García, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue.

A nave, de 924 metros cadrados, atópase nunha finca de 9.752, no lugar do Outeiro. O goberno local recorda que o edificio principal se construíu en 1985 para un criadeiro de polos. Logo duns anos con esta actividade, quedou baleira, e hai un cuarto de século que foi alugada polo Concello, que a emprega como almacén, para os vestiarios do persoal da brigada de obras e para gardar os camións e tractores municipais.

O rexedor sinala que a idea é, máis adiante, executar melloras nas instalacións e na contorna. Celebra a medida, pero critica que a Xunta denomine axuda ao que, en realidade, é un préstamo con cartos do Fondo de Cooperación Local.