Os sabores da Fusquenlla a través da cociña de Nair González, na Feira da Plantación de San Sadurniño
SAN SADURNIÑO

Haberá dous obradoiros da cociñeira de Mugardos, que uso conservas elaboradas no centro de transformación ubicado en Moeche, e degustacións
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non todo van ser plantas e flores na Feira da Plantación de San Sadurniño. «Este ano empezamos a introducir a alimentación, relacionada coas verduras e as froitas», explica Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Rural. O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e os produtores que elaboran alí as súas conservas vexetais cobran protagonismo, cun posto no que non só venderán zumes, marmeladas ou salsas feitas con produtos cultivados na zona, senón que tamén darán a probar as súas receitas. «A idea —subliña Varela— é darlle espazo á Fusquenlla».
Este domingo, o apartado gastronómico irá máis aló, coa presenza de Nair González, mugardesa de 43 anos, filla de hostaleiros, que comezou nos fogóns con 15 ou 16 anos e aí segue, ao fronte do negocio familiar, Muelle 43, desde hai oito anos. «Vai facer distintos pratos, cun obradoiro ás doce e outro ás sete da tarde», apunta o edil. Nair empezará cun cóctel feito con zumes de limón e mazá; seguirá cun solombo con salsa chutney e pementos en conserva; e rematará cunha tarta de queixo crema en frío con marmelada de fresa e mora. «Poderán degustalos 30 ou 40 persoas», di. Destaca «a calidade e a versatilidade» das conservas que saen da Fusquenlla. Ela coñeceunas nunha feira e incorporounas á súa cociña.
Quen visite a feira, con máis zona de aparcamento ca nunca, «poderá quedar alí todo o día», con servizo de churrasco e polbo na mesma área da Cortiña, «ademais dos restaurantes e locais da zona», sinala Varela. Tamén destaca a importante presenza de artesáns, todos inscritos no rexistro da Xunta, e o aumento dos postos de maquinaria.