
Leva corenta e cinco anos dándolle forma aos xardíns da mansión
14 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.josefina menéndez vázquez dona do pazo de anzuxao
Con dezaoito anos chegou a Anzuxao (Madriñán-Lalín) dende a súa Brea natal, e aí continúa despois de corenta e cinco anos. Josefina Menéndez Vázquez a dona do Pazo de Anzuxao, onde se asenta a sobradamente coñecida empresa familiar Lácteos Anzuxao fundada no ano 1970 e adicada á fabricación de queixos, lembra con nostalxia as minas e o poboado de Fontao onde pasou a súa nenez e «o bonito que era todo daquela». A Anzuxao chegou despois de casar con Pablo Sampayo e, dende o primeiro momento, puxo os seus ollos nos enormes xardíns que circundan o pazo e na súa gran potencialidade. Xardíns que hoxendía son xunto ao parque de animais un reclamo para Anzuxao.
-¿En que momento iniciou a transformación dos terreos que circuncan a casa?
-Ao ano de casarme empecei pero foi un traballo moi longo, que aínda continúa hoxendía. Sempre hai algo que facer, que podar, que plantar, que cambiar... Fun dándolle forma aos xardíns ao longo de todos os anos que levo en Anzuxao. Non me puiden adicar a elo en exclusividade. Estaban os rapaces e o traballo na queixeiría. Os tempos mudaron moito...
-¿Lémbrase que foi oi primeiro que plantou?
-Un buxo. E tamén che podo decir que o meu sogro o arrincou e me pediu que o puxera noutro sitio. Pensaba cunha moza coma min, que viña de estudar, non sabería plantar nin se ía adaptar á vida en Anzuxao. Estaba eivado. Aquí está a proba, e el mesmo se deu conta delo e despois xa me deixou plantar nos terreos que eu quería sin problema algún.
-¿Cantas plantas pode ter na actualidade?
-Centos delas e todas moi ordenadas. O que máis teño son rosais, pero hai de todo. O que sempre intentei foi que os xardíns fosen un complemento da fábrica ao igual que a capela e o patio sevillano que se atopan dentro da propiedade, que é moi extensa.
Co gallo dun paseo que Josefina realizou pola zona dos muíños na Estrada, onde había patos, pensou en que «lle irían ben a Anzuxao e aí comecei co parque de animais». Pavos reais, periquitos, ocas, faisanes e palomas forman parte do entorno da casa. «Un veciño de Madriñán me obsequiou cunha parella de pavos reais. Hoxe teño catorce parellas e unha de pavos reais branco, que é unha fermosura e dos que hai moi pouquiños. Non son fáciles de conseguir. Contamos tamén con dous centos periquitos, e teño gañas de meter tamén canarios ao seren moi alegres», explicou.
Josefina fixo construir hábitats axeitados para todos os animais, mesmo un gran estanque para peixes e tartarugas. «Conto cunha persoa cualificada na materia que é a que se fai cargo de todos os animaliños que temos. Tentamos que todos estén ben atendidos, que non lles falte de nada e que as instalacións estén nas mellores condicións posibles xa que reciben numerosas visitas ao longo de todo o ano, pero especialmente na primavera e no verán». Josefina lembra con emoción a chegada dunha paloma ao pazo «estaba anillada, viña de Portugal e atopábase tan cansa que se quedou picando na terra e bebendo auga dunha mangueira. Non marchou. Criou e aquí permanece dende entón».