O traballo como camioneiro fai que o barquense Joaquín Tato teña que «sufrir» o corte da N-120 case a diario. El e o resto de compañeiros do sector, aos que el lidera como presidente de Coasva, a asociación de condutores asociados de Valdeorras. Por iso non fala por el só cando conta o que supón para un camioneiro eses quilómetros de máis que hai que facer pola N-536 para chegar a El Bierzo.
«Moitos non poden vir á casa durmir por culpa do desvío, porque o xefe lles di que non veñan para aforrar quilómetros», conta. Da como exemplo o dun compañeiro que viña á casa (no Barco) cada dous días e que agora só pode vir as fins de semana, porque os discos do tacógrafo só lle alcanzan para chegar a Ponferrada, onde pasa as noites. «Aquí hai moitos que traballan para Citroën, e con dous discos chegaban para volver á casa, e agora fanlle falta tres, e amola ter que quedar a durmir en Ponferrada por 20 minutos».
Ademais do tempo, tamén hai un compoñente económico importante que lastra o sector. Segundo as contas de Tato no seu propio camión, «gástase moitísimo gasóleo, uns 20 litros a maiores todos os días, e ao prezo que está, pois é unha barbaridade». Isto débese ao maior volume de quilometraxe, pero tamén ás pendentes que ten a estrada, que fai que se teña que pisar máis ao acelerador. Precisamente nos empinados descensos (na chegada a La Barosa) está a razón pola que moitos seguen todo o desvío ata Ponferrada, o que incrementa os quilómetros.