Xosé Lois García dedica o seu novo libro á aldea de Podente

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

«Podería ser calquera das moitas que están quedando sin veciños» di o escritor

06 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor Xosé Lois García presentará o xoves no Círculo Recreativo Cultural de Chantada -ás 20 horas- o seu novo libro, Tedempo, un poemario inspirado na súa memoria persoal e familiar e na historia da súa parroquia natal de San Tomé de Merlán, máis concretamente da aldea de Podente. Unha historia que, segundo indica o propio autor, «podería ser a de calquera das moitas aldeas galegas que agora están quedando sen veciños e esborrallándose pouco a pouco». A obra foi editada pola asociación cultural guitiricense Xermolos, con ilustracións do artista pontevedrés Héitor Picallo.

-¿Que significado ten o título do libro, que parece unha palabra inventada?

-Tedempo é Podente ao revés. É a aldea onde eu botei vinte anos da miña existencia, e a que sempre vai comigo como se fora un oráculo. Polo que sempre volvo a ela.

-¿Como se entrelaza na obra a memoria histórica dun lugar e os recordos persoais?

- Neste libro hai tres elementos esenciais. Por un lado, está a documentación histórica procedente de arquivos e documentos familiares que personalizan a memoria dun pobo e dos seus habitantes. A familia sempre é o mais inmediato que buscas, procurando a xénese dos antepasados dun, os datos sempre son concluíntes cando encontras as raíces. A historia oral é outro elemento concluínte, que transcende no que os teus proxenitores che falan, e outro aspecto son as vivencias dun mesmo. Por tanto, estas particularidades son as que fomentan, neste poemario, retomar e revelar a historia dunha aldea como é Podente. Como todas as nosas aldeas teñen a súa propia historia.

-¿Por que escolleu a poesía para abordar estes temas, en vez do xénero memorialístico?

- Coido que un temario memoralístico sempre ten menos interese por ser máis lineal que o que se traza en poesía. O poema impón outro talante, ao observar e explicar varios carismas e presentalos doutra maneira ben diferente ao que se pode narrar en prosa. Esta é unha experiencia moi atrevida da que non fiquei aborrecido.

-¿En que medida está relacionado este libro con outras obras poéticas súas?

- Sempre procuro ser diferente en cada un dos libros poéticos que escribo. Quizais este pode resultar bastante emblemático pola materia que se toca e se desenrola. Sobre todo polos matices que ofrece e nos que o lector pode verse abocado a facer unha búsqueda reiterada de si mesmo e das circunstancias do seu primeiro espazo, que é o dos seus anos infantís, que ven sendo o que con mais determinismo opera na nosa idiosincrasia.

xosé lois garcía escritor