«Temos que ser humildes e sinxelos porque todos somos fillos de Deus»

UNAI GONZÁLEZ SUÁREZ

FIRMAS

Percorrido polas reflexións que marcaron a existencia do cura

30 nov 2012 . Actualizado a las 14:39 h.

Francisco Lorenzo Mariño, un persoeiro imprescindible para a historia de Aguiño, a cultura, a lingua e a igrexa galegas, por todo o que achegou co seu traballo e a súa forma de vida. A súa memoria permanece e a súa semente medra da man de todo un pobo que o amou. Hoxe recuperamos parte das reflexións que marcaron a súa existencia entre nós.

-Como está don Francisco?

-En primeiro lugar non me trates de vostede e chámame Paco, coma sempre me gustou que me chamases. Estou ben, alentándovos neste tempo difícil de existir no mundo?

-Difícil por que?

-Pois por todo, pola crise, o desemprego, a desigualdade, a pobreza, a inxustiza xerada polo capital, o pouco que vale o traballo no mar.

-E pola falta de fe?

-E pola falta de fe tamén, pero non culparía eu tanto os crentes como o rumbo errado que está a tomar a Igrexa dende hai uns anos.

-Afonda nisto último?

-Non digo nada que antes non dixese, foi unha constante na miña vida, «avogar por unha Igrexa democrática, á altura do home da rúa, para amalo, escoitalo mellor e dialogar; por un culto que non sexa acartonado; por unha muller que fose tamén sacerdote en Cristo, por un celibato opcional, para que a muller, non escrava senón compañeira, poida ser esposa no sacerdocio», feita polos crentes e non polas xerarquías, unha institución que está a errar ao non avanzar cos tempos, ao non adaptarse á xente; «pregúntome moitas veces por que as xerarquías temen tanto aos teólogos. A palabra de Deus non é un monopolio e menos unha mineralización. Nunca está dita definitivamente. É dinámica e fecundadora». Parece que a fermosa herdanza de Xoán XXIII -o Concilio Vaticano I- non servise de nada e o conquistado nos anos 70 e 80 se bote agora pola borda; así non é de estrañar que a xente se arrede da Igrexa.

-E a cultura, como a ves?

-A cultura existe porque a xente crea cultura, sementa e vive con ela; exemplos hai por milleiros de creadores, o que precisan é máis alento, máis apoio e sobre todo que os gobernantes saiban apreciar a cultura e entendela, non só como algo irrenunciable e propio da nosa identidade, senón tamén coma mecanismo xerador de riqueza e emprego, e outro tanto pasa coa lingua.

-O galego?

-Por suposto! Esta loita polo idioma é xa moi antiga, eu botei corenta anos a promovela dentro e fóra da Celebración, e eran tempos duros, agora coa liberdade algúns queren confundirnos e degradar o galego, quitarlle importancia cando é unha lingua culta, histórica, fermosa, e o idioma que falan a maioría dos galegos.

-Falando das túas orixes, naciches no Son, viviches na Coruña e remataches en Aguiño, de onde es?

-Eu son de todos os lugares, pero xa dixen unha tardiña «que son a metade do Son e a metade de Aguiño porque así me sinto, un home de mar que optou pola relixión e o maxisterio pero nunca deixou de ser mariñeiro; quero a Aguiño e os seus veciños por riba de calquera cousa».

-Como está agora Aguiño?

-Está daquela maneira..., a xente cambia e as cousas tamén; a min non me gusta que se fagan comparacións, eu tamén teño defectos, pero sempre souben escoitar, preocuparme polos problemas do pobo, facer unha comunidade forte e unida, máis alá do relixioso. Metinme con outros a fundar o Xuventú, a asociación Ardora, a Comisión, a demandar as necesidades de Aguiño, auga, luz, estradas, colexio, lonxa... E foi moito o que conseguimos entre todos. Agora Aguiño é grande pero pouco unido, hai demasiado egoísmo, e iso dóeme porque foi contra o que eu sempre loitei.

-Cambiando de tema: cura, mestre, xornalista... cantas profesións tiveches?

-Non tiven profesión máis que unha, a de mestre, porque «cura son por vocación» e xornalista por afección. No IES nº 1de Ribeira tiven moitos alumnos dos que gardo grata lembranza, e o resto de mestres eran coma irmáns e compañeiros que me axudaron e apoiaron sempre.

-Medalla de Galicia, socio de honra de moitas entidades, unha rúa e un busto en Aguiño, e ata unha asociación que leva o teu nome...

-Nunca fun amigo de homenaxes. Agradezo o agarimo da xente porque sae do corazón, pero as persoas temos que ser humildes e sinxelas xa que somos todos fillos de Deus. A asociación é de xente do pobo que traballa pola cultura, os intereses dos veciños, a parroquia... e iso é o que máis me importa e do que estou máis satisfeito: que haxa quen, contra a adversidade, sexa capaz de seguir no camiño que eu empecei. De que me vale tanto recoñecemento se agora se esquece todo o loitado? Por iso admiro a entrega da xente cos demais, algo que agora escasea.

-Que amigos ou personaxes destacarías na túa vida?

-O meu mellor amigo é Xesús de Nazaret, del aprendín todo o que son e coma el, na miña imperfección, intentei actuar. Logo teño a Aguiño e a súa xente, amigos que me ensinaron moito do que son. E no aspecto persoal, a Chao Rego, Espiña, Queiruga, Rubén, Ricardo Pérez, Colomer, Ventoso, Plácido, e os meus queridos José Luís e Leonor. Como persoeiros de referencia sempre tiven a Xoán XXIII, Castelao e Rosalía.

-E para rematar, que mensaxe nos deixas?

-Unha ben sinxela, intentade ser o que eu sempre quixen ser, un bo «cristián, galego e mariñeiro».

ILUSTRACIÓN LEANDRO