A laxe das Crabas

FIRMAS

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre a anarquía de cousas que ao ser humano lle acontecen na vida, a memoria mira de se singularizar, de ter unha marca que saliente o residual, que invente o memorable desas sombras transeúntes, deses sucesos do pasado que serán mellor lembrados se se concretan nun ben, nun patrimonio. Por iso o ser humano sustenta a memoria nos signos, xa sexa esculpindo círculos concéntricos ou unha cabra, ou facendo un nó no pano ou utilizando a linguaxe. O contacto cos obxectos duplica o mundo con imaxes internas. Isto é o que fai particular a memoria humana: a capacidade de lembrar activamente coa axuda de símbolos entre os que a escrita ocupa un lugar de privilexio porque a súa pegada significa un deslinde entre a prehistoria e a historia, case na mesma medida en que a memoria pretende pór un muro de contención entre o real e o ficticio. Sen a escrita, a historia limitaríase ao mito transmitido oralmente, co perigo de distancia que ten a tradición oral nun constante proceso de reinvención. A historia válese da escrita porque desconfía da fraxilidade e a inconsistencia da memoria humana. A escrita, de primeiras, resiste o paso do tempo. E o home sente a necesidade de fixar os recordos, de lles dar unha transcendencia que traspase os séculos co brillo da inmortalidade.

Cabra esculpida en Agüeiros FOTo SIMÓN BALVÍS