Luis Iglesia e Xabier Deive estrean o xoves na Coruña o gran «thriller» psicolóxico da tempada
20 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.¿Recordan a Michael Caine e Laurence Olivier en Sleuth (A pegada)? Dous personaxes nun único espazo nunha velada rara e intensa sustentada unicamente nun gran argumento e dous pesos pesados da interpretación. Gaivotas subterráneas, a primeira produción para o teatro de Voz Audiovisual, Talía Teatro e RTA recolle un pouco ese espírito: unha intensa batalla dialéctica, librada neste caso por dous actorazos como son Xabier Deive (Narón, 1970) e Luís Iglesia (Riotorto, 1962). A obra de Alfonso Vallejo, dirixida por Artur Trillo, estará os días 24, 25 e 26 en A Coruña e o 29 e o 30 en Santiago, para xirar logo por toda Galicia.
P. Presénteme ao seu personaxe...
Luís Iglesia. Mario é un músico que non chegou a facer unha gran carreira por un problema físico que ten. É un tío cun inmenso mundo interior pero non é afortunado á hora de reflectilo cara ao exterior; ten unha empatía moi rara. Ao mellor é destas persoas que xulgas por como miran, por como andan, que son raros. Moitas veces quedamos na tona da xente e non nos metemos dentro, precisamente, porque nos parece un tío raro. E Mario sería unha persoa para entrarlle, porque ten un mundo interior moi poético por momentos.
P. E vostede é Nino...
Xabier Deive. Efectivamente, un tipo que é todo o contrario de Mario, ou non tería graza [ri]. É un home de familia humilde, un buscavidas con pouco escrúpulo, moi simpático, pero é un encantador de serpes.
P. E Mario e Nino coinciden despois de moito tempo e comeza a partida de desgaste...
L. I. Realmente, chama Nino a Mario. Son moitas capas dunha cebola, vas quitando unha capa e aparece outra e, por cada capa mala que aparece, hai algo detrás, de xeito que a xente se pregunta por que non marchan, por que non acaban con isto dunha vez. Canto máis avanza a obra, máis problemas vai habendo. O que hai detrás é, precisamente, o que sustenta o propio thriller, que o público se pregunte por que seguen xuntos. Iso é o que non podemos desvelar, pero hai esa estrutura de thriller psicolóxico tipo A pegada de Mankiewicz.
P. Tanto un como outro son actores moi queridos en Galicia que, ademais, acaban de deixar un baleiro aos milleiros de seguidores de Matalobos ¿A televisión pode axudar ao teatro neste caso?
X. D. Os personaxes de Matalobos [Xabier era Diego Dourado, e Luís, Carmelo Matalobos] déronnos moita presenza a nivel de público, foi un exitazo tremendo e iso nótase na rúa. Confiamos en que a xente teña certa curiosidade por vir a vernos ao teatro. Ofrecemos unha obra moi honesta, moi de verdade, na que vamos entregar todo e agardamos superar un pouco a crise, que a xente se anime porque, ademais, non é moi caro, ou máis barata que outras alternativas de ocio.
P. ¿Houbo que adaptar moito o texto de Alfonso Vallejo a Luís e a Xabier?
L. I. É un texto moi contrastado, fíxose moitas veces. Pero o proceso de adaptación é importante, incluso aos tempos. Ten case trinta anos e, por exemplo, hai cousas que hoxe non se entenderían, como o feito de estar illados. Hoxe hai móbiles, iso hai que explicalo. Evolucionamos moito en poucos anos, en estrutura, en linguaxe.
X. D. Con este texto pasa unha cousa: ao ter case trinta anos non deixa de ser un texto de época, aínda que sexa recente. Por iso os personaxes din o mesmo, pero doutro xeito.
nacho.miras@lavoz.es