«O futuro papa puido haber comido o Cocido de Lalín»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS MIGUEZ

O restaurador participa nas Xornadas do Cocido de Lalín que ata o vindeiro domingo se están a celebrar en Murcia

16 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O cociñeiro lalinense José Luis Iglesias, que rexenta o Cabanas, atópase na rexión de Murcia participando nas terceiras Xornadas do Cocido de Lalín que promove o Centro Galego de Murcia.

-¿Como xurde o convite?

-Directamente a través do presidente do Centro Galego de Murcia que é natural da parroquia lalinense de Moneixas. Púxose en contacto conmigo para preguntarme se me interesaba tomar parte nestas xornadas que fan dende o centro galego para resaltar os nosos produtos, e eu encantado de tomar parte neste evento que está sendo por certo moi satisfactorio.

-¿Satisfactorio respecto do volume de comensais que van a degustar o cocido?

-Así é. As xornadas do cocido celébranse no restaurante Torre de Zoco e están sendo moi concorridas. Comezaron o xoves e terán continuidade ata o domingo. O pasado xoves servimos cocido para oitenta persoas e onte para un cento de comensais. Mesmo xa están feitas reservas para mañán -por hoxe- e para o domingo. Estou comprobando que aquí existe un forte apego por Galicia e pola nosa cociña. Ao restaurante veñen murcianos, galegos e persoas con raíces na nosa comunidade. Están sendo unhas xornadas moi interesantes e os medios de comunicación tamén están publicitando moitísimo o evento.

-A materia prima sen dúbida viaxou de Lalín...

-Todo o que puiden traer de Lalín, mesmo o pan e as patacas, viaxaron conmigo. Teño a sorte tamén de contar co persoal de cociña do restaurante Torre de Zoco á hora de elaborar o prato.

-Elaborou Cocido de Lalín en varios países incluso no Vaticano e para o papa Ratzinger que está agora de plena actualidade polo seu retiro...

-A verdade é que si. Penso que foi no 2008 cando fomos ao Vaticano a facer o cocido e o futuro papa puido haber comido o Cocido de Lalín xa que alí estaba unha ampla representación de cardenais; moitos dos que se postulan agora como posibles «papables». O acto fora na embaixada de España na Santa Sede, cando era embaixador o coruñés Paco Vázquez, e fora moi emotivo. Lémbrome que non puideramos ver ao papa Ratzinger pero lle fixeramos chegar un lixeiro prato de cocido, con moitas verduras e legumes.

-¿A vindeira cita co cocido será en Bruselas?

-Non o sei. O concello quere facelo para os eurodeputados pero non che podo decir...

josé luis iglesias cociñeiro lalinense