Ao catedrático mazaricán dalle rabia e impotencia a nova emigración
24 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.MANUEL GONZÁLEZ membro DA REAL ACADEMIA GALEGA E FILLO PREDILECTO DE MAZARICOS
-¿Que se sinte cando o recoñecemento vén dos veciños
-Un profundo agradecemento a todos os veciños desta terra que nunca foi axudada como merecía, e que vai progresando a base de traballo e sacrificio. Sinto a calor do sangue dos meus. De pequeno percorrín o concello moitas veces con meu pai, e en todos os lugares atopei amigos, vellos amigos que seguen aí. Hoxe, desafortunadamente, xa non coñezo a moitos dos seus fillos, pero sei que levan o mesmo sangue. Espero non fallarlle nunca á miña xente de Mazaricos que tan xenerosa foi e é comigo.
-Unha persoa acostumada a viaxar como vostede, ¿que é o que máis bota de menos da terra que o viu nacer?
-A xente; a xente de Mazaricos é directa, clara, diche á cara o bo e o malo. Nun mundo onde hai tanto teatro, tanto convencionalismo, sempre se agradece atopar quen che diga a verdade tal cal a ve.
-A súa nenez estivo marcada pola emigración de boa parte da súa familia, ¿que se sinte cando medio século despois a moitos mozos só lles queda a solución de volver coller a maleta?
-Rabia e impotencia, e pregúntome qué fixemos mal. Unha sociedade que non inviste na xente nova é unha sociedade sen futuro. Dóeme ben ver que, por primeira vez en moitos anos, a xeración dos nosos fillos vai vivir moito peor que a dos seus pais. Despois de acadar un alto nivel de benestar, imos camiño de ser un país dependente, sen desenvolvemento científico, tecnolóxico, e, polo tanto, sen desenvolvemento económico sostible.
-Aínda que publicamente dixo non querer entrar nese asunto, resulta case obrigado preguntarlle pola situación que está a vivir a RAG, ¿pensa que corre perigo?
-A Real Academia Galega é unha institución que conta con 106 anos de historia, que pasou por situacións moi difíciles que con máis ou menos acerto soubo superar. Estou seguro de que o conxunto dos membros do plenario non van permitir que a RAG se arrede do camiño e deixe de cumprir os obxectivos que son a súa razón de ser, entre os que están, en primeiro lugar, a defensa e promoción da lingua e da cultura galegas desde unha posición de independencia.
-¿Que me di do contencioso aberto polo idioma entre a Administración autonómica e distintos sectores da cultura?
-O idioma é o noso principal sinal de identidade. Se desaparece a lingua galega, desaparece a nosa biografía, o noso gran elemento diferencial que, ao mesmo tempo, nos une na maneira de ver o mundo cos nosos antepasados. O galego é a lingua «propia» de Galicia, tal como recolle o noso Estatuto de Autonomía. Por iso nós temos a responsabilidade moral de transmitirlles aos nosos fillos este tesouro que nos dá cohesión social, e a Xunta ten a obriga por lei de ditar as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego, tal como establece con carácter xeral o artigo 6.4. da Lei de Normalización Lingüística. E di «progresiva» que significa ?cara adiante?. Se tivésemos un país minimamente concienciado e orgulloso de si mesmo, a reivindicación desta esixencia non debería ser só dos sectores culturais, senón tamén do conxunto de todos os sectores económicos e profesionais.
-Os estudos, vostede participou nalgún, confirman unha redución no uso do galego, principalmente entre os mozos, ¿como valora este feito? e ¿que se pode facer para mudar esta tendencia?
-A lingua galega está pasando por unha situación delicada, cunha progresiva perda de falantes habituais, é dicir, unha perda de persoas que están instaladas no galego e que o utilizan na maioría das súas interrelacións. Isto é consecuencia dunha serie de circunstancias: a diminución da transmisión familiar do galego, o proceso de urbanización da sociedade galega nas últimas décadas, a escasa capacidade da escola para gañar novos falantes habituais do galego, o predominio absoluto de medios de comunicación en castelán, o escaso compromiso da empresa co galego, etcétera. Todo isto vai producindo implacablemente un descenso do uso do galego, e un incremento notable do monolingüísmo en castelán. Ao meu modo de ver, o que está na raíz de todo é o pouco orgullo que sentimos de ser galegos, e a persistencia da idea de que o galego é unha lingua pouco útil e innecesaria. Dificilmente cambiará a situación mentres non se adopten medidas lexislativas e políticas claras que fagan chegar á cidadanía a idea de que o galego é unha lingua igual de útil ca outra calquera, de que o normal en Galicia é vivir en galego (como é en Francia vivir en francés, ou en Alemaña vivir en alemán) ou de que o galego é necesario para acceder á maioría de postos de traballo en Galicia. As propostas simplemente afectivas e sentimentais por si soas non lograron o avance nin a normalización de ningunha lingua no mundo.
«A xente de Mazaricos é directa, clara, diche á cara o bo e o malo»