Malveira introduciu hai 35 anos o teatro profesional en Cariño

Ana F. Cuba CARIÑO / LA VOZ

FIRMAS

A agrupación cultural creou o festival que logo asumiría o Concello

18 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai 35 anos, ante a escaseza de oferta cultural en Cariño, uns cantos amigos crearon a Agrupación Cultural Malveira, da que naceu un grupo teatral, que se convertiría no eixo da súa actividade. «Sempre houbo tradición», recalca o mestre Rafael Soneira Do Canto (Cariño, 1955), un dos fundadores. «E a todos nos quedara gravada a compañía madrileña de teatro itinerante Lara Yuki, que se instalara aquí varios meses, representando obras clásicas. Tería eu 10 anos», lembra. Pese á falla de medios, que paliaban con inxenio, Malveira foi considerado «grupo revelación» pola crítica asistente á cuarta Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, en 1976, onde escenificaron A Taberna, coa que acadarían as 35 funcións por toda Galicia.

Dous anos despois, aquel grupo de afeccionados organizou a primeira Mostra de Teatro Galego de Cariño. «O festival comezou nunha praza de touros ambulante, nas festas de San Bartolo, creo que foi o primeiro...», relata Soneira. O público cariñés puido asistir á obra Laudamuco Señor Ningures, de Roberto Vidal Bolaño. A segunda edición desenrolouse no local dunha antiga fábrica de conservas e a partir da terceira xa se trasladou ao cine La Solana, «que nos prestaban desinteresadamente durante unha semana», agradece, aínda hoxe, a memoria de Malveira. A mostra arrincou con compañías profesionais e co único patrocinio da confraría de pescadores e a escasa recadación obtida pola venta de entradas.

No ano 1981 o cartel reforzouse coa presenza da compañía lisboeta A Barraca e pouco tempo despois convertiuse no Festival de Teatro Galego-Portugués, cunha subvención da Xunta de Galicia, vencellada á do Concello, daquela aínda o de Ortigueira. Polo cine La Solana pasaron compañías lusas de renome coma os porteños Os Comediantes ou Seiva Trupe, que atraían público de fóra; igual que galegas, de Troula a Teatro Caritel, Luis Seoane, Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego. E ata os brasileiros Arte Livre.

A organización tamén era profesional. «Tiñamos unha oficina de prensa nos locais da confraría, había xente para atender aos grupos cando chegaban, pegábanse carteis e repartíase propaganda e folletos por toda a comarca e fóra, un coche con megafonía... Dedicabamos moitísimo tempo e durante unha semana había ambiente de festival (acompañado nos comezos dunha mostra de música galega)», contan. A sala enchíase sempre (un ano levouse ao vello cine de A Pedra), máis aínda na función de Malveira e a proxección «foi enorme». «Fueron unos años excelentes -recorda unha afeccionada, que chegou a subirse ao escenario con Malveira-, el teatro gallego estaba empezando a repuntar, era comprometido, social, crítico...». Os «desacordos» dalgúns membros de Malveira co Concello, daquela xa Cariño (segregouse en 1988), supuxeron «a morte do festival», lamenta Soneira. Alomenos daquel festival. A mostra segue viva, mudaron o espírito e a ilusión iniciais, e agora enche a Casa da Cultura.