
Vila de Cruces volta a ofertar todos os xoves esta actividade que consta dun nivel de iniciación e outro intermedio
10 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Os bailes de salón retornan á programación do Concello de Vila de Cruces. Dende a pasada semán, e todos os xoves a partires das 21 horas, os profesores Anastasia Zhitova e Manuel Trillo imparten clases no auditorio Xosé Casal. Trátase da terceira tempada en que se «oferta a posibilidade de que a xente disfrute, o pase ben, faga exercicio e se coñezan uns e outros», matiza Manuel Trillo.
Unha nova andaina que non reviste grandes novidades respecto de anteriores tempadas. «Diseñamos un curso igual co anterior. Só cambiamos a samba pola cumbia; un baile máis brasileiro por un máis das verbenas de Galicia. Era un baile que nos estaban demandando e apostamos por engadilo ao vals, tango, pasodoble e salsa que incluiremos nas clases. É unha conxunción de diferentes tipos de baile que farán que as clases sexan amenas e divertidas».
Vila de Cruces é o único concello da zona que está apostando por unha actividade que reúne a xente de idades moi diferentes, e que poden matricularse no nivel de iniciación -para os que non teñen coñecementos previos de baile ou moi poucos- ou intermedio, para aqueles que xa estiveron noutras tempadas ou collen mellor os pasos. «É un mix. Tanto en Vila de Cruces coma por Galicia adiante temos xente de 15, 20, 30, 40 e 70 anos. Mesmo chegamos a contar cunha alumna de 92 anos. Para bailar non hai idade. Se falamos de competicións de élite xa é outra cousa».
E de competicións de élite saben moito Zhitova e Trillo quenes participaron recentemente no Campeonato do Mundo de Baile, que se celebrou en Tyumen preto da fronteira con Kazajistán, e no que acadaron un meritorio posto en semifinais. «Poder bailar alí foi o máximo e chégase loitando día a día, mantendo a ilusión hora a hora. A maior dificultade é a ecomómica. Falamos dun deporte elitista no que a xente ten moito diñeiro. Non é o noso caso e para manternos aí detrás hai unha loita constante. Precisamos dos alumnos e de traballar para manternos na élite mundial que non é nada doado». A vindeira cita de Zhitova e Trillo será a finais de mes na Praia de Aro, no costa catalana, nunha competición internacional con parellas de todo o mundo.