Musical de clase baixa

C.C.

FIRMAS

Obras Públicas escolleu o auditorio da Illa para a estrea, mañá, do seu novo espectáculo

25 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O de «musical de clase baixa» non é cousa nosa. É o apelativo que a compañía escolleu para definir o seu novo espectáculo Bye, bye, honey, que mañá se estrea no auditorio da Illa. A obra, en verbas do seu creador e director, José Prieto, é un espectáculo «ácido, duro e descarnado, como o lugar onde está ambientado e como a vida dos personaxes dos que fala». Pero non por iso está exento de humor nin de amor.

A compañía repite co mesmo equipo artístico que na súa anterior montaxe, a aclamada e premiada Life is a paripé, cos actores Iolanda Muíños, César Goldi e Carlos Mosquera Mos, aos que en esta ocasión se suma a presenza en escea de tres músicos.

Non en van a música -dende rancheiras ata o heavy metal, dende a pachanga ao rock and roll- é o fío argumental en torno ao que se narra esta historia, ambientada nun barrio urbán da periferia e narrada cunha linguaxe «directa, contundente e sen artificios».