«Os nosos alumnos son case o 40 % do Conservatorio e teñen máis saídas»
28 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.É fillo e irmán de músicos e leva dende moi novo subido aos escenarios, pero a súa benquerenza máis forte vai por outro camiño. «O meu son os paxaros. Encántanme. Esa é a miña verdadeira vocación», di. Aínda así Kin García é un dos máis salientables músicos de jazz de Galicia, profesor do Conservatorio Superior de Música de A Coruña e director da súa big band.
-¿Como anda de saúde o ciclo de jazz?
-Non pode ser mellor. Nunca tivemos tantos alumnos como este curso, que é o sétimo. Estamos a tope.
-¿Tira máis jazz que clásico?
-En proporción, si. Somos case o 40 % do centro. Somos un itinerario de interpretación e temos sesenta e pico alumnos, cando o habitual son oito, dez...
-Ou sexa, que o está comendo, no bo sentido...
-Si. E beneficia a todos nun momento no que fai falta alumnado. Os 67 de jazz comparten materias troncais, Historia da Música, Organoloxía...
-¿A xente deixará o clásico?
-É que os de jazz teñen máis saída. Todos os que foron saíndo van traballando, que se cos Tonechos na televisión, que se arranxos para orquestra, que se un musical...
-Son máis versátiles...
-Efectivamente. Non é que sexas un músico de jazz ou non, es un músico completo: arranxas, compós e tocas, e iso moi pouca xente o fai.
-¿Que é o mellor destas primeiras colleitas?
-Pianistas como Gabriel Peso, Jacobo de Miguel hai poucos... Hoxe por hoxe son dos mellores que temos en España e son rapaces. De Miguel, que ten bastantes discos en solitario, está facendo unha labor en Asturias encomiable, mesturando o jazz coa música tradicional. E Peso, que é un rapaz tamén moi novo, de 24 anos, está en Madrid triunfando. Acaba de estrear disco en Clamores, que é unha sala bastante mítica, e con éxito.
-Moito nivel...
-Aquí estivo Steve Brown, Walter White, Rosario Giuliani.... O ano pasado, por exemplo, Julia Hülsmann, pianista da discográfica ECM, deu unha master class e quedou alucinada do nivel que tiñan os alumnos e a big band. Pero, ¿sabes o que pasa?
-Diga.
-Que, como bos galegos, todo nos parece pouco, parece que somos sempre menos que os demais. E ao final, cando fas intercambios, dáste de conta de que os nosos alumnos saben moitísimo máis que os doutros conservatorios.
-¿E o jazz en Galicia?
-Hoxe por hoxe Galicia ten unha saúde a nivel de jazz envexable. Bastante máis que Madrid, por exemplo. Bastante.
-De músicos?
-...e de discos. Fanse máis discos de jazz aquí que en Madrid. Vamos a ver... Non sei exactamente cantos se fan alí, pero ¿quen fai? De vez en canto saca disco Chastang, Chano Domínguez, que xa son famosos; ao mellor Pedro Iturralde, o baixista de Paco de Lucía... E para de contar.
-¿E aquí?
-¿Aquí? Eu saco disco todos os anos, Roberto Somoza tamén, Alberto Conde saca disco, Marcos Pita, Paco Charlín, Abe Rábade? A ver, estouche dicindo que ao mellor en Galicia ao ano sácanse seis ou sete proxectos ao ano. Constantemente.
Kin García director da Big Band do conservatorio superior de música da Coruña