Fáiseme unha tarefa dificultosa enumerar todas as obras, englobando nunha soa verba, que Bisgue leva realizadas. Pensando en min, podería comezar polo chaveiro que sempre levo enriba, que xa forma parte do meu propio corpo, ou polo retrato que teño no salón. Desviémonos brevemente polo seu tránsito artístico.
Dende moi noviño a súa paixón pola pintura levouno a desenvolverse nese eido. En pouco tempo xa destacaba pola súa destreza e creatividade. Lembro que a primeira mención déranlla con seis ou sete anos.
Despois de rematar o instituto cursou os estudos de escultura no Mestre Mateo, compaxinando a formación académica con múltiples actividades artísticas. Convértese en técnico superior en escultura. A continuación marcha para A Coruña e faise técnico superior en ilustración en primeiro lugar, e despois en deseño gráfico na escola de artes Pablo Picasso. Non conforme con iso, abandona Galiza unha tempada e vaise á escola de cine de Barcelona para cursar estudos de edición.
Hai moito máis, pero non vou empregar este perfil como currículo profesional porque nin o precisa nin é de xustiza para o lector. Unha vez formado con amplitude, desenvolveuse como director artístico, formador, deseñador, modelador, editor? traballando para produtoras, concellos, compañías e empresas. Agora é un freelance (anglicismo para dicir «xa me apaño eu») dedicándose, entre outras cousas, á elaboración de documentais.
Debería destacar algúns traballos por se ao lector lle interesa poder velos cos seus propios ollos e non imaxinalos. Debo mencionar a curtametraxe de animación Leo, con Artefacto Producións, no 2008, como unha mostra destacada de modelaxe. Mencionar tamén o proxecto escultórico Rocharte, no 2010, sobre todo porque estes seres mitolóxicos pódense apreciar todos os días do ano nas praias de Barraña, en Boiro; A Torre, en Rianxo; A Lombiña, na Pobra; e no mirador da Pedra da Ra, en Ribeira.
Podedes profundar máis no seu traballo na súas webs www.manuelsilva.net e www.edicionrusa.com.