«Prescindir do galego é unha perda económica»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

JUAN LÁZARO

Afirma que o máster da paisaxe, onde colabora a USC, contribuíu «para unha maior formación nese ámbito»

17 dic 2013 . Actualizado a las 18:55 h.

Licenciado en Dereito e en Económicas pola USC, Enrique Sáez Ponte falou en Filoloxía das relacións entre Galicia e a lusofonía, tema en que ten experiencia. «Só son dirixente de empresas de máis de cen anos», afirma este veterano empresario, ex alto cargo do Banco Pastor (fundado en 1776), e actual dirixente da Fundación Juana de Vega (1872), Torres y Sáez (1894) e da Unión de Almacenistas de Hierro de España (1903).

-¿Que transmitiu en Filoloxía?

-Só acudo a actos así cando algún profesor, como neste caso Elias Torres, entende que as miñas ideas e perspectiva económica poden interesar. Da relación coa lusofonía defendo hai moitos anos a reintegración do galego no portugués con perspectiva estritamente económica.

-¿Como é esa perspectiva?

-Penso que estamos estragando un activo cultural importantísimo como é a lingua. Fun responsable máis de 10 anos do Banco Pastor en Portugal, e nas miñas relacións só falei en galego, e sen problemas. Iso é o que transmito: nun mundo globalizado, prescindir do galego é unha perda económica. O noso idioma é o maior activo cultural que temos, e que co castelán nos dá o dominio das duas principais linguas de orixe latina.

-Esa é unha opinión con detractores.

-Os que loitan contra o galego loitan para nos empobrecer. Non é só un ataque cultural, é tamén económico, queren que sexamos máis pobres para seren eles máis ricos e competitivos.

-¿Ve iso o alumnado?

-A xuventude viaxa e pode comprobar como o galego é útil. É un gran activo para a comunicación cunha economía potente como a de Brasil. Sei de traballadores galegos contratados nos países nórdicos por iso, porque eles saben que é parecido co portugués. Iso é valioso para un currículo.

-¿Como resulta o máster de paisaxe que organiza a Fundación Juana de Vega coa USC e a Universidade da Coruña?

-A Fundación ten creada a Escola Galega da Paisaxe e participan arquitectos, enxeñeiros, xeógrafos e outros. Alén do máster facemos xornadas, convocamos un premio de arquitectura, e penso que temos contribuído para unha maior formación nese ámbito. Temos outras actividades e promocionamos emprendedores, coa vantaxe de que a fundación se pode manter dos seus propios recursos.