Asocia o exceso de peso con numerosas doenzas e co envellecemento
11 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.«A obesidade é un reto sanitario prioritario internacionalmente, por iso constitúe hoxe o núcleo principal da nosa investigación e de moitos laboratorios do mundo», afirma Carlos Diéguez, catedrático de Medicina e director do Centro de Investigación Médica da USC (Cimus). A Sociedade Europea de Endocrinoloxía recoñece co seu premio de maior relevo, o Geoffrey Harris, que honra ao fundador da neuroendocrinoloxía, a súa traxectoria de case 35 anos, 7 deles para o doutoramento e para completar a formación en Cardiff (Reino Unido), e o resto en Compostela, onde se licenciou.
-¿Cando decidiu investigar a obesidade?
-Cando comecei a investigar, en Cardiff, a obesidade non se consideraba un problema relevante. Só a finais dos anos 80 e principios dos 90 comezou a ser vista como un dos retos máis importantes da biomedicina, e continúa a ser. Aquí intentamos facer investigación básica punteira, a través de estudos preclínicos e en modelos animais. Temos colaboración coa industria para tratar de que algúns dos nosos avances cheguen a pacientes na práctica clínica.
-¿Por que é tan difícil procurar solucións para a obesidade?
-Tras chegar á Lúa, o presidente Richard Nixon dixo que o seguinte reto para os Estados Unidos era vencer o cancro en 10 anos. Pasaron máis de 40, e a pesar dos grandes avances conseguidos, non se venceu. Os problemas biolóxicos son altamente complexos de abordar. Sobre a obesidade levamos unhas dúas décadas de investigación intensiva, penso que nos próximos anos comezaremos a ver o resultado deses traballos.
-¿Como serán eses resultados?
-Xa se comezan a usar fármacos que, aínda que non curan a obesidade, diminúen unha serie de comorbilidades asociadas ao exceso de peso e melloran o perfil cardiovascular, ou impiden que se desenvolva a diabete.
-¿E como se avanzará?
-Cando se comezou a investigar o cancro, o que se buscaba era un fármaco que o curase. Hoxe sabemos que ese non é o camiño, porque hai múltiples tipos de cancro e moi diferentes; mesmo existen varios tumores de mama, por exemplo, para os que hai tratamentos diferentes. Da obesidade tamén se fala hoxe como un único proceso. Pero xa sabemos que unhas persoas desenvolven obesidade moi cedo, antes dos 5 anos, e outras de adultas; que a distribución da graxa no corpo é diferente segundo os doentes; ou que a propia progresión da patoloxía tamén difire. Por iso penso que a obesidade precisará, como o cancro, terapias individualizadas; chegará un momento en que a subclasifiquemos en diferentes tipos, cando coñezamos ben as bases moleculares ou as bases fisiopatolóxicas implicadas en cada doente.
-¿Que é o máis básico que debe saber toda persoa sobre a obesidade?
-Que non é só un problema estético; o máis importante é que está asociada a unha maior incidencia de diabete, de hipertensión arterial, de accidentes cerebrovasculares, de maior mortalidade cardiovascular, á artrose, a determinados tipos de cancro, e mesmo a algunhas doenzas neurodexenerativas. E talvez exista gran interrelación entre esas doenzas e os procesos, por exemplo, do envellecemento, entre outros.
carlos diéguez PREMIADO POLA SOCIEDADE EUROPEA DE ENDOCRINOLOXÍA