Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Galaxia abre unha nova etapa co selo Mar Maior e unha aposta polo dixital

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

A editora difundirá a literatura galega e os seus autores noutras linguas

06 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«As crises poñen a proba a vitalidade dunha cultura, dun país e da súa xente: cada xeración ten que afrontar os seus propios problemas». Así resume o director xeral da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, o espírito co que a empresa diversifica a súa actividade para superar os retos que marca esta nova época nos seus 64 anos de historia: «Os desafíos da globalización, a crise económica, unha demografía crítica e os cambios nos hábitos culturais», enumera Freixanes. «Unha cultura ten que dar resposta a estes problemas. Se non, está morta», engade.

A resposta de Galaxia pasa pola creación dunha plataforma dixital que promova e comercialice literatura e outras creacións culturais de Galicia, unha difusión que se reforza coa creación das empresas Mar Maior e Gatipedro, que traballarán dende Buenos Aires e Bruxelas. A plataforma dixital terá operativa as súas primeiras fases contra finais deste ano ou comezos do 2015. «Toda cultura está obrigada a pactar, no sentido de incorporarse, coa tecnoloxía da súa época», explica Freixanes. A plataforma arrancará con douscentos títulos do catálogo histórico de Galaxia, tanto clásicos como contemporáneos, para sumarse a un proceso que o editor considera xa «irreversible». O seu obxectivo é acadar novos públicos e unha nova xeración, moza, de lectores, pero tamén «a localización de receptores doutros países e culturas».

Diálogo plurilingüe

Esta mesma filosofía impulsa tamén a creación de novos selos para achegar a literatura en lingua galega a lectores foráneos. «Buscamos un plurilingüismo que nos permita dialogar cos americanos, cos europeos, e chegar a outros ámbitos. A endogamia modelo Medulio é un suicidio», describe, moi graficamente, Freixanes. Mar Maior nace para proxectar a cultura galega no mundo, en calquera soporte e en calquera lingua. Buenos Aires, Bruxelas e Madrid serán os primeiros chanzos, aos que está previsto que sigan México, Brasil, Venezuela e Alemaña.

Para o público arxentino, os primeiros títulos son Historia de Galicia, de Ramón Villares, cun capítulo especial dedicado a Buenos Aires e a presenza galega; Circe o el placer del azul, de Begoña Caamaño; Huinca Loo, de Xavier Alcalá, El vidrio roto. Cuentos para las Américas, con relatos que Emilia Pardo Bazán publicou en revistas arxentinas; e El libro de las Siniguales y el único Sinigual, da novelista arxentina de orixe galega María Rosa Lojo.

Cunqueiro en castelán

En Madrid Mar Maior presentará a obra en castelán de Álvaro Cunqueiro, con títulos como El año del cometa, Fanto Fantini, Las flores del año mil y pico de ave e Tertulia de boticas prodigiosas, á que seguirá a de Eduardo Blanco Amor: La catedral y el niño ou Los miedos. Forman parte desta oferta as traducións de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, e Laura en el desierto, de Antón Riveiro Coello.

Freixanes exemplifica a apertura desta nova vía con casos como os da catalá Edicións 62, nunha liña de traballo de difusión dunha cultura propia no exterior. En países como Arxentina, por exemplo, farase fincapé na presenza histórica dos galegos na construción do país.

A xunta de accionistas de Galaxia aprobou a ampliación de capital necesaria para estes desenvolvementos estratéxicos. Esta pretende chegar aos 600.000 euros, dos que xa acadou 270.000, nun proceso aberto no que aínda se poden seguir subscribindo accións.