Ultima un libro para publicar en Brasil centrado en autores de Compostela
28 ago 2014 . Actualizado a las 11:19 h.José Antonio Souto Cabo, profesor da USC, conseguiu recoñecemento internacional os últimos anos por ter identificado os autores máis antigos da poesía lírica galego-portuguesa, que datou no século XII, décadas antes da que estaba considerada a orixe dese movemento. Este verán a USC informou que, con Isabel Morán, tamén docente en Santiago, e a brasileira Yara Vieira, preparan un estudo para publicar no Brasil co título Percursos da lírica galego-portuguesa. O caminho poético de Santiago.
-¿En que consiste este libro?
Deriva de O amor que eu levei de Santiago, que publiquei aquí con Vieira e Morán, que é como un roteiro da literatura medieval por Compostela. O traballo que agora ultimamos tamén parte dos poetas relacionados con Santiago, cunha perspectiva máis ampla, pois cita outros que tiveron diálogo poético con eles, como o caso do rei D. Dinis de Portugal e Airas Nunes. Iso ofrece moitas máis posibilidades.
-¿É unha antoloxía?
-É unha antoloxía que ten como vértice e fío condutor Santiago, que é a cidade principal da lírica galego-portuguesa, importante nas orixes e ao longo do desenvolvemento dese fenómeno literario. A editora pediu un libro que dese importancia aos textos medievais, e tamén inclúe comentarios, versións modernas dos textos, e unha introdución histórica para cada autor.
-Yara Vieira publicou hai anos «En cas dona maior», un libro en que tamén é importante Santiago.
-Si, porque revelou a importancia da Corte poética sostida polos Traba, moi probablemente, en Santiago. É un traballo serio sobre as orixes do movemento literario.
-¿Como son esas orixes?
-Joán Vélaz é o primeiro escritor coñecido das Letras Galegas e Portuguesas. No meu libro Os cavaleiros que fizeram as cantigas documento que morreu en 1181; e non se sabe de ningún anterior, outros morreron varias décadas despois. O problema é que non se conserva obra súa.
-¿Por que non se conserva?
-O seu nome consta no que foi índice do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Ese índice permite coñecer algúns dos poetas máis antigos do movemento. Hai outros autores de que tamén non coñecemos obra, porque se perdeu unha parte inicial dos Cancioneiros. Oxalá se puidese volver a encontrar.
-¿Estaba relacionado Joán Vélaz con Santiago?
-Todos os autores do grupo máis antigo da lírica galego-portuguesa están relacionados familiar ou socialmente coa familia Traba, de Santiago, que patrocinou e axudou para a expansión desa escola literaria. Pedro, irmán de Joán Vélaz, ocupou cargos nas Cortes de Fernando II e de Afonso IX, os dous reis sepultados na Catedral de Santiago.
-¿Que autor, dese grupo máis antigo, é o máis importante?
-O mellor representado, que ten obra considerada de maior valor literario, é Osorio Eanes, membro da familia dos Traba e parente de Joán Vélaz. De Osorio Eanes conservamos un número importante de poesías, sabemos bastante da súa biografía, pois foi persoa importante tamén nas Cortes de Fernando II e, sobre todo, de Afonso IX; o que nos leva a pensar que nesas Cortes se desenvolveu inicialmente a lírica galego-portuguesa.
-¿E tiña tamén relación Osorio Eanes con Santiago?
-Si, hai documentos que proban que tiña unha casa na praza do Campo, que é a actual praza de Cervantes; e que cedeu esa residencia para a Catedral.
-¿Garda moitos segredos a lírica medieval galego-portuguesa?
-Aínda resta moito por investigar. Agora traballo sobre a biografía de Munio Fernandes de Mirapeixe, que é outro dos poetas medievais máis antigos.
JOSÉ ANTONIO SOUTO CABO PROFESOR DA FACULTADE DE FILOLOXÍA DA USC
«Joán Vélaz é o primeiro escritor coñecido das Letras Galegas e Portuguesas»