«A aposta polo patrimonio é pequena, por causa da crise»

j. g. santiago / la voz< / span>

FIRMAS

SANDRA ALONSO

Estuda o «Diurno» de Fernando I e Dona Sancha, unha valiosa publicación do século XI conservada na Biblioteca Xeral da USC

23 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

«É moi valioso para Galicia dispor dunha xoia como o Diurno do rei Fernando I e Dona Sancha, do século XI, conservado na Biblioteca Xeral da USC», afirma Augusto Guedes, director da revista Románico, editada pola Asociación de Amigos do Románico. O último número, dedicado a esa publicación medieval, foi lanzado onte na sala de profesorado da Facultade de Xeografía e Historia.

-¿Por que estudan esta publicación medieval?

-Porque se trata dun manuscrito de gran valor, unha xoia e un exemplar único, coñecido só por especialistas. Está depositado na Biblioteca Xeral da USC. Contén ilustracións e miniaturas preciosas e moi ben conservadas e de interese para poder traballar e gozar. Tamén hai que investigar máis, para resolver dificultades como coñecer de que maneira chegou a formar parte da colección da biblioteca universitaria, de onde veu. Parece que está feito en León, para o rei, e o certo é que aínda temos incógnitas que resolver.

-¿Que destaca do contido deste libro?

-É un libro das distintas oracións que se teñen que facer no día. E ten tamén unha xenealoxía dos reis de León, con interese histórico. As miniaturas, as letras capitais e outros elementos fan que este manuscrito se poda comparar cos libros de Fernando I que se conservan na Biblioteca Nacional.

-¿Por que lle interesou á revista?

-A editora da revista é a Asociación de Amigos do Románico, unha entidade con socios en varios países. Está formada por profesores, investigadores e estudosos preocupados pola defensa do patrimonio románico, para que se poña en valor, que máis xente o aprecie, e que non se perda.

-¿E en que situación de conservación está en Galicia?

-Como en toda España, digamos que nunha situación de regular baixo. A aposta polo patrimonio é pequena, por causa da crise. Hai problemas para conservar edificios antigos que habería que tratar de manter ben. Por iso se intenta a través de asociacións promover a defensa deste patrimonio, porque nos interesa a todos.

-¿Como é o románico galego?

-O buque insignia é, por suposto, a catedral de Santiago. No resto do país hai moita diversidade nas diferentes comarcas, moitas pezas que se merecen manter para que pasen ás novas xeracións.

AUGUSTO GUEDES director da revista «románico»