O presidente de Novas Xeracións na provincia de A Coruña afirma que o que está a acontecer só pode cambiarse dentro do ámbito da política
02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Técnico superior en sistemas de telecomunicacións, Ramón Santos Pérez forma parte, dende o pasado 14 de xullo, do grupo de parlamentarios do PP. Este noiés de 28 anos, que levaba cinco traballando nunha empresa na Coruña, deixou a súa especialidade para converterse en deputado autonómico porque, afirma, «para unha persoa á que lle gusta a política é unha experiencia enriquecedora ver como se traballa na Cámara». A súa vinculación co PP ven de mozo, cando con 16 anos empezou a cooperar no partido para, logo, converterse en militante, presidente de Novas Xeracións de Noia e Lousame e, posteriormente, en responsable provincial desta agrupación, cargo que ocupa na actualidade. Sen embargo, Santos Pérez asegura que a política representa só un paréntese: «Eu quero dedicarme á miña profesión».
-¿Considera que os casos de corrupción van ter incidencia nas eleccións locais?
-Non van estar tan presentes como a nivel estatal, aínda que é certo que son unha lacra. O que temos que esixir é contundencia, que a xustiza actúe con todo o seu peso.
-Precisamente, Feijoo dixo esta semana que non chegaba con pedir perdón.
-O presidente da Xunta predica co exemplo. No caso dos cursos de formación, foi a Xunta a que remitiu ao fiscal a documentación para que se abrisen dilixencias. Galicia é a primeira comunidade española que obriga por decreto a facer unha inspección presencial dos cursos.
-Coa que está a caer debe ser difícil dirixirse aos cidadáns.
-O que temos que esixir á xustiza e celeridade. Non é lóxico que un proceso estea aberto durante quince anos porque iso causa sensación de impunidade.
-Pedirlle celeridade á xustiza e facer recortes en xustiza non son dúas cousas que casen ben.
-Cómpre dotar á xustiza de todos os medios posibles. Temos que intentar que coa maior brevidade se adopten as medidas correspondentes.
-¿Cree que a mocidade está afastándose da política debido ao que está a acontecer?
-Estamos nun momento eminentemente político. O que está acontecendo só pode cambiarse dentro da política. Este é o momento da mocidade, somos máis necesarios que nunca. Temos que facer un país unido e máis forte.
-Os mozos parecen buscar movementos alternativos na política, ¿iso inflúe na estratexia de Novas Xeracións?
-Eu alégrome de que exista Podemos. Unha vez que puxeron as súas cartas sobre a mesa démonos conta de que cando estaban sentados na praza do Sol dicían unha cousa e, agora, outra. Partidos políticos como Podemos colleron a estrutura de «la casta», se tiñan unha mensaxe tan clara, ¿por que cambian?. Organicamente, en Novas Xeracións estamos estruturados; temos comités de dirección nos que se deciden os asuntos de xeito democrático. Cantas máis persoas aporten cousas, máis enriquecedor. Os mozos sabemos o que queremos e algúns partidos esquecen isto. O PP é o único partido que se toma en serio a mocidade. No Parlamento galego hai dous deputados con menos de 30 anos, ambos do PP, eu e o meu compañeiro Javier Dorado. Temos uns idearios definidos e somos o partido político xuvenil máis grande de Galicia. Na provincia da Coruña temos 16.000 afiliados e a tendencia é a continuar subindo.
-¿Os orzamentos que presentou a Xunta cobren as necesidades da bisbarra?
-Nestes anos fixéronse investimentos fundamentais para a bisbarra. En Noia estase levando a cabo unha importante obra de saneamento e acometerase o enlace de Portobravo. Os orzamentos da Xunta incrementaron en 48 millóns os fondos para o plan de emprego e por primeira vez hai unha iniciativa para ocupar a maiores de 45 anos.
-Sen embargo, é unha realidade que os mozos están emigrando.
-A mocidade aposta por unha formación técnica e nalgúns casos hai persoas preparadas que deciden explorar outros campos e outros lugares. O que queremos é xerar máis postos de traballo e estanse poñendo as ferramentas para paliar a falta de traballo agora existente.
ramón santos pérez parlamentario e presidente provincial de NOvas xeracións
«Partidos políticos como Podemos colleron a estrutura de
?la casta?»
«Nestes anos fixéronse investimentos fundamentais para a bisbarra»