A galeguidade de Colón

La Voz

FIRMAS

09 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a mesa redonda celebrada o pasado 27 de outubro na Facultade de Dereito de Compostela, o debate sobre a galeguidade e Colón renace con máis forza. Ata agora, os académicos e os historiadores con cátedra tiñan relegado este tema a unha verdade baseada nunha serie de documentos xenoveses de dubidosa procedencia. E na mesma Facultade de Historia de Santiago a principios da década dos oitenta advertían ós alumnos que en todo exame, traballo ou exposición, Colón era xenovés.

Hai máis de cen anos, cando o investigador don Celso García de la Riega defendeu a tese da orixe pontevedresa do almirante, sen pretendelo, el mesmo a botou a perder, por mor dun exacerbado afán de avivar ás borrosas letras duns documentos antigos, acrecentando, asemade, os descretos e liortas mantidas naquel tempo con outros historiadores (Murguía ou Oviedo Arce) por todo tipo de cuestións. Así, a nivel académico a tese da súa orixe quedou totalmente anulada e medrou con forza pero sen rigor a da patria xenovesa do mariño; aínda que, quen máis e quen menos, se preguntase como un xenovés non poñía unha soa palabra no seu idioma de orixe e sen embargo si en galego, ou que escollese para nomear os accidentes xeográficos das novas terras, nomes a imaxe e semellanza dos da costa pontevedresa e arousá. Así como tamén damos en matinar que a quen máis se lle tiña que ocorrer viaxar cara o oeste, tiña que ser a un paisano que, canso de navegar polo Atlántico e de poñerse un límite cara o poñente, de ver sempre, desde cativo, fronte a si esa liña prohibida do horizonte e de debater na casa, en parladoiros e tabernas ese misterio, se preguntase que había máis aló, e quixese velo cos seus ollos. E sen embargo prevaleceu un documento que falaba dun comerciante de panos sobre os moitos que citaban a pericia nauta ou as evidencias idiomáticas do seu diario; como tampouco se tivo en conta que escollese para nave insignia unha nao vella, moito máis lenta cás carabelas, pero que fora construída en Porto Santo e que antes de chamarlle Santa María (o nome da igrexa dos mareantes pontevedreses), era coñecida como La Gallega.

Pero agora, desde que o pasado 27 de outubro se amosou na Facultade de Dereito un documento notarial polo que un descendente do almirante, Mariano Colón de Toledo, duque de Vergara, pon á venda unha finca próxima á que se ten por casa natal de Colón, a dicir dos entendidos queda demostrado que, se tiña propiedades nese lugar, o Colón de Porto Santo non é unha rara coincidencia. Outra cousa, xa moi distinta, é aventurar a verdadeira identidade do personaxe que casaba cunha nobre portuguesa cando as altas clases sociais daquel tempo non eran dadas a xuntar plebeos e menos aínda de foránea procedencia, ou que o mesmo rei portugués lle chamase «meu querido curmán». E aínda que a min non me desgusta a tese de Philippot Abeledo, arroupada con amplas árbores xenealóxicas, moi detallada, documentada e estudada, segundo a cal son a mesma persoa o descubridor do Novo Mundo e don Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga (quen, por certo, segundo o declarado por algunha testemuña no preito Tabera-Fonseca, estivo presente no asalto e derrubamento do castelo de Palmeira), sigo sen telo claro, pois unha cousa é o que me gustaría que fose e outra o que realmente é.

Asemade, tamén me gustaría que ese debate no seo da Universidade tivese lugar na Facultade de Historia e non na de Dereito, pero aínda así, benvido sexa.