Amiúdo escoitamos que o turismo cultural é un recurso en alza, e precisamente niso do patrimonio cultural, Galicia e unha verdadeira potencia. De todos os elementos dese patrimonio, quizais o arqueolóxico e un dos que máis claroscuros presenta. Legalmente, os concellos deben ser o garante de todo o seu patrimonio arqueolóxico, e non sempre o xestionan con tino. Ou o ignoran, ou incluso o ameazan ou agreden? Ou van ao outro estremo, éntralles esa febre de querer ter cadanseu xacemento arqueolóxico escavado «para ter algo que ver».
Quizais temos que pensar nun modelo mais sostible, pois ao fin e o cabo, o patrimonio arqueolóxico debe ser un ben xestionado de maneira sensata. Porque son bens únicos, non retornables nin reproducibles, precisamente pola súa idiosincrasia formativa. Cada actuación sobre eles xera unha alteración que os modifica na maneira que sexa. Para sempre. Está claro que este tipo de recursos xeran visitantes e turismo, pero isto non debería ser un fin en si mesmo, a lo menos se falamos en conceptos puramente de xestión cultural.
¿Entón non debemos sacarlle un rendemento? Si, desde logo, pero con sensatez. Os profesionais non queremos xacementos abandonados, sen mantemento de ningún tipo, languidecendo nun espazo semi abandonado e deteriorándose paulatinamente. Queremos xacementos vivos, que permitan a súa visita (dos locais e dos de fóra), que se manteñan e se fomenten, que valoren e dinamicen unha zona, que xeren un valor engadido a ese espazo, e sobre todo que se conserven, que poidan legarse con garantías para os que virán. E por suposto queremos que xeren coñecemento, que permitan explicar o que fomos, de onde vimos, e por suposto que se transmita ese coñecemento, que non quede so nunha publicación científica ou nun cartel.
Non temos que escavalo todo, ou deixalo todo á vista. Non temos que ter xacementos abertos sen unha boa interpretación. Debería ser ao revés: unha interpretación do patrimonio sen ver os restos e posible. O acercamento a eses restos, ver e entender o sitio, aínda que non estea escavado (so limpo de vexetación e accesible) pode ser suficiente. Comprender e valorar os restos sen alguén que no los interprete non é posible, alomenos para a maioría. Sen explicar, como aínda nos din a miúdo, só son pedras. Alguén dixo unha vez que o mellor xacemento e o non escavado. Iso non e certo; o mellor xacemento e o ben xestionado.
riqueza patrimonial