Desencontro dialéctico con fondo político

x. m. r. ourense / la voz< / span>

FIRMAS

02 dic 2014 . Actualizado a las 12:02 h.

Oano no que a ofrenda anual a EBA contou coa maior participación e consenso -con todas as institucións representadas, con moitos dos seus amigos e coa presenza do director de A Esmorga- tamén foi a máis axitada nos discursos e nas mensaxes. Luís González Tosar, responsable do PEN Galicia e presentador do acto, chamou a atención contra os que «tentan terxiversar a historia sen fundamento nin coñecemento de causa» e lembrou en varias ocasións que «Blanco Amor nunca foi un menesteroso, nin un esmolante como se di agora. Estase tentando presentar unha imaxe de Eduardo que é falsa, e faise por parte de quen nin o coñeceu, nin o tratou, nin sabe da súa vida, máis alá de contos interesados.

Na súa quenda de intervención, o presidente da Real Academia Galega, Alonso Montero, defendeu a cultura como a creadora de conciencias críticas e como o verdadeiramente importante dunha sociedade, fronte á política e á economía: «Que son as responsables de que neste país haxa seis millóns de parados e ducias de miles de nenos que non poden facer as tres comidas obrigatorias ao día». Criticou a realidade que pasa «polos programas de Telecinco e os xogos florais» e lembrou a faceta crítica de Blanco Amor, que puxo como exemplo para os estudantes presentes.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández retrucou a Alonso Montero lembrando que os políticos tamén se adican a difundir a cultura e a institución provincial «custodia os fondos de Blanco Amor, promoveu a escultura do autor, a edición de A Esmorga para os institutos, tamén a tradución ao inglés, apoiouse a Festa da Palabra -co mural de Acisclo Manzano e Acisclo Novo- e o filme, entre outras cousas».

O conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, tamén se referiu ao papel das institucións na promoción da cultura. Ao remate do acto, o presidente da RAG matizou as súas palabras: «Non falaba dos políticos en xeral, referíame a casos como os de Rodrigo Rato, Ana Mato, o Felipe González que se cansa por ir cobrar miles de euros a Gas Natural ou Urdangarín, entre outros».