Cando me chegou a terrible noticia, por Antonio Piñeiro, o pasado once de marzo, de que o cura de Vilanova dos Infantes fora vilmente asasinado, o primeiro que me veu á cabeza, como a tantos, foi a Virxe do Cristal. Non lle dou posto cara a D. Adolfo Enríquez Méndez, mais dil sabía por amigos de meu, dende o propio Piñeiro a X.L. Méndez Ferrín, dende Carlos Casares a Xesús Alonso Montero, que o consideraban bo como o pan trigo, home de ben, nobre e xeneroso. A antítese da cafarnaxe comenenciuda que Manuel Curros Enríquez puxo fóra do seu maio, sin quintas nin portas, nin foros, nin cregos... O caso é que logo vai para un mes de tan tráxico suceso e a incertidume segue a petar no maxín e nos corazós das boas xentes da terra de Celanova, fregueses ou non de D. Adolfo. Claro que ninguén dubida do labor da policía xudicial e dos funcionarios que instrúen as investigaciós, pero o silencio mete medo, arrepía, desacouga. Trátase dunha morte e da desaparición dunha peza con valor identitario. O minúsculo vidro coa imaxe da virxe dentro que, máis alá da iconografía lexendaria e da veneración popular, acadara -por obra e gracia dun poeta, non calquera un, unha voz podente, varil e rebelde-, a categoría de referencia literaria e cultural. Non se trata, non, pois, da ansia dos vilanoveses, dun interese meramente local, o esclarecemento dos feitos e a recuperación do Cristal debe ser empeño de todos os galegos, mesmo dos lectores e estudosos da obra do autor de Aires da miña terra espallados polo mundo adiante. Poñamos por caso que uns desalmados lle deran morte ó párroco encargado da custodia da Virxe dos Milagres, patroa e alcaldesa honoraria do gaditano Puerto de Santa María. Supoñamos que, na súa ruindade atrevida, levasen consigo a pequena talla medieval de madeira de alerce, conífera durísima, arrubiada. Andalucía enteira sentiríase comprometida, sen escatimar esforzos, co retorno ao seu camerino da advocación mariana que loubaron por escrito Afonso X, O Sabio nas súas Cantigas -en lingua galega, por certo-, Gonzalo de Berceo e tamén Rafael Alberti. A forza do amor de Rosa e Martiño prevalecerá, ben seguro, contra a barbarie infame de Xan de Ventraces.