María Esther Vázquez, escritora arxentina, galega polos catro costados, é referencia obrigada para quen se achegue a Jorge Luis Borges. De por parte, María Kodama, viuva e herdeira do autor de El Aleph, ignora ou oculta a relación, con complicidades e desavinzas, como toda amizade verdadeira, entre dous capos do Grupo Florida; Borges e Bernárdez. Ambos percorrían, os sábados de 1925, 1926 e 1927, os arrabaldos de Buenos Aires, aprendendo a «ser bien criollos». Bebían grappa, guindado oriental, cachaça ou xenebra nos mostradores dos almacenes, codo a codo con malevos e orilleros. María Esther, fermosa, 23 anos daquela, acompañou a Georgie no periplo europeo que rematou en Compostela, outono de 1964. Aí esta a foto que se tiraron na Rúa Nova con Ramón Piñeiro, antes de subiren a xantar, todos tres, a Xelmírez 15, 3º. De volta en Buenos Aires, Borges e Vázquez, sacaron a Introducción a la literatura inglesa (1965) e Literaturas germánicas medievales (1966). Títulos dos que a pleiteanta Kodama borrou á coautora, restituída logo pola xustiza. Calquera que se achegue, digo, a aquel enorme animal literario -un «gorila» para o peronismo- debe saber de Everness (Un ensayo sobre Jorge Luis Borges) ?1965?, Borges: Imágenes, Memorias, Diálogos (1977), Borges, sus días y su tiempo (1984) e, sobre todo, Borges. Esplendor y derrota -biografía- (1996). Alén disto, unha creación de relevo, mais de vinte títulos, algúns con referencias galegas, o máis recente, Estrategias de la pena. María Esther foi quen de xuntar, nos 70, aos dous amigos distanciados desde os 40.
Bernárdez, director das Bibliotecas Públicas Municipales, colocara a Borges, en 1938, á fronte da Miguel Cané, biblioteca do popular barrio de Boedo. En 1944 césano por ter asinado un manifesto contra Perón. Bernárdez intercede perante a autoridade competente, pero non dá evitado que o trasladen, ao xa autor de Ficciones, como «inspector de aves, conejos y huevos» nun mercado da rúa Córdoba... Borges dimite e culpa a Bernárdez. Agora, en Francisco Luis Bernárdez -Poeta de fe, leal a Galicia- volven dialogar grazas a María Esther. Seguro que a Kodama, cando os vexa, consultará cos seus avogados.