Os historiadores de referencia do xénero criminal divídense entre os que identifican a súa orixe en fontes moi heteroxéneas (a Biblia, as traxedias clásicas, Shakespeare) e os que localizan o nacemento exacto do relato policial en 1841, cando Edgar Allan Poe escribe Os crimes da rúa Morgue. Efectivamente, hai unanimidade en que o pai do investigador Auguste Dupin foi o fundador oficial do xénero, pero cómpre advertir que o verdadeiro patrón da novela detectivesca agroma anos máis tarde coa consolidación de aparatos policiais en diversos países europeos, e co desenvolvemento dunha burguesía en Gran Bretaña e Estados Unidos que por vez primeira puido gozar de tempo libre para a lectura. Se a isto engadimos que Poe nunca tivo constancia de estar escribindo relatos detectivescos (a súa fonte literaria é o relato de terror romántico), a maioría dos especialistas actuais coinciden en que a novela policial propiamente dita emerxe nun contexto socioeconómico máis achegado ao segundo período da revolución industrial e ao auxe das loitas operarias.
A esa época en que o xénero comeza a fixar territorio pertence unha estraña curiosidade intitulada O asasinato da Pont-Rouge (1855), novela do francés Charles Barbara (1817-1886) que acaba de editar en galego Hugin e Munin con tradución de Marie Abraira. Anterior á clásica L?affaire Lerouge (1866) de Émile Gaboriau, considerado o iniciador do policial en Francia, a trama non debuxa unha investigación detectivesca cun precursor de Monsieur Lecoq presumindo das súas capacidades para a dedución racional. Ofrece máis filosofía e reflexións moralizantes sobre un suceso criminoso que a dosificación dunha intriga con solucións pretendidamente sorprendentes. Pero resulta indiscutible que estamos ante unha obra pouco difundida que debería suscitar a atención dos interesados na posible ascendencia do xénero. Músico e xornalista, aprezado por Baudelaire e responsable da primeira tradución ao francés de Os crimes da rúa Morgue, Barbara publicou outra novela, Ary Zang (1864), e varias coleccións de relatos. Non tivo un final feliz: suicidouse nun manicomio