Sacristán e cronista

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba eu na procura de información sobre o meu admirado paisano e grande poeta, Paco Luis Bernárdez, cando Xosé Ricardo Rodríguez Pérez, presidente de A Torre, Foro de Estudos das Terras de Maside, me agasallou o libro de Hugo Wast, 15 días sacristán. As miñas referencias sobre este escritor arxentino, que en realidade se chamaba Gustavo Martínez Zuviría (Córdoba 1883-Buenos Aires 1962), eran mínimas. Agora, despois de ler esta curiosa crónica dunha viaxe que comeza en París, o 31 de xullo de 1928, centrada en Ourense -sobre todo Dacón-, que dá noticia de Tui, Vigo, Cambados, Compostela... e que remata o 16 de setembro, co regreso do autor, en tren desde Vigo, a Francia. Descubrín, digo, seguindo o fío de Bernárdez, a un prolífico novelista que vendía, no seu tempo, milleiros e milleiros de exemplares de best sellers como Flor de durazno, levada ao cine por Defilippis Novoa, onde se estrea como actor Carlos Gardel, Valle negro, Desierto de piedra, El Kahal ou 666, ambas e dúas contra os xudeos. Este ultracatólico comezou a andaina política no Partido Demócrata Progresista contra Hipólito Irigoyen, xefe do radicalismo, e derivou cara ao fascismo e ao antisemitismo, chegando a ser ministro de Justicia e Instrucción Pública entre 1943 e 1944, durante a presidencia dictatorial do xeneral Pedro Pablo Ramírez, musoliniano, franquista e simpatizante do nazismo. Cando en 1946 Perón asume o poder, Martínez, que dirixía a Biblioteca Nacional desde 1931, acata a nova situación e continúa á fronte da institución da que foi importante impulsor. Mais tras os enfrontamentos que culminan coa queima de igrexas e coa excomunión do propio presidente da nación, en 1955, pouco antes da Revolución Libertadora que derrocará a Perón, renuncia apartándose da actividade pública. En 15 días sacristán Hugo Wast narra, con prosa aguda e non exenta de humor, a viaxe a Galicia do bispo de Temnos -cidade da Anatolia-, o influínte prelado arxentino Miguel de los Santos De Andrea, orador de sona que, acompañado polo escritor amigo e correlixionario, ocasional «sacristán», será o encargado a abenzoar as pedras sagras da nova igrexa de Dacón. O armadanzas e pagano de todo aquilo foi o acaudalado empresario Ramón Heredia, natural de Pousada, Maside, afincado en Buenos Aires, veciño e socio de Manuel López Valeiras, tío político do poeta Francisco Luis Bernárdez, ao que Wast, curiosamente, non fai alusión na crónica.