Explícao ben Fernando Salgado, no seu Lorenzo Varela: a voz desterrada (Edicións do Castro, 2005), o trunfo do coronel Perón, febreiro de 1946, propiciou unha escalada de apoio ao Goberno de Franco. Todo foi, a partires daquela na Arxentina, en contra dos exiliados e dos simpatizantes da República española. A propia toma de posesión do presidente, xuño dese ano, á que asiste Salvador Moreno Fernández, ministro de Marina franquista, que chega a Buenos Aires ao mando do cruceiro Galicia -rebautizado polos vencedores, na República chamárase Libertad, na monarquía Príncipe Alfonso-; o desfile dos mariños de guerra pola avenida de Mayo, ante o noxo das tertulias republicanas da arteria; a recepción de Perón e Evita a Moreno Fernández, con honores de xefe de Estado, na Casa Rosada; a condecoración do novo mandatario -Gran Cruz del Mérito Naval- a bordo do cruceiro fondeado na Dársena Sur e, para colmo de desvergonza, a visita da comitiva, almirante, oficiais, embaixador e outros destacados fascistas, ao Centro Gallego. Todo isto provoca a reacción dos elementos máis combativos da colectividade, nomeadamente a Federación de Sociedades Gallegas. Lorenzo Varela, a pouco de partir a representación franquista, convidado polo Centro Gallego a impartir unha conferencia -El mundo lírico gallego, publicada, xunto con outros escritos, por X.L. Axeitos (Edicións do Castro, 2001)- non desaproveita a ocasión e arremete contra os responsables de abrirlle aos franquistas as portas dunha institución galega e democrática que, daquela, agrupaba a 85.000 socios. Mais a resposta contundente, a mellor organizada, precisamente por Lorenzo Varela, será La Fiesta de la Poesía al servicio de la verdad. Multitudinario acto celebrado o 28 de xullo de 1947, na Federación de Sociedades Gallegas. Introducidos por María Teresa León -o outro presentador previsto, Eduardo Blanco-Amor, non puido asistir por enfermidade-, acudiron á chamada galega nada menos que: Pablo Neruda, recitou poemas da guerra civil co puño ergueito, León Felipe, desafiou ao peronismo, Nicolás Guillén, moi aplaudido, Alejandro Casona, espléndido, Rafael Dieste, dous textos en castelán e un en galego, Rafael Alberti, mordaz contra o sanguinario Queipo de Llano, e o arxentino-galego González Carbalho, lembrou a Lorca e a Miguel Hernández. A embaixada de Franco e maila policía peronista trataron de impedilo. Non deron, impúxose a Poesía.