Fun a Lugo na compaña de Xesús Ferro Ruibal e Valentín García Gómez e, abofé, non me rendeu nada o camiño; case que me non decatei da viaxe. Sería porque fun falando seguido. Ir a Lugo noutrora, desde calquera das outras cidades de Galicia, esixía alomenos certa predisposición, moito máis para os non lucenses. A quen non lle puña medo ningún faguer a diario daquela, nos 90, o traxecto Lugo-Santiago, Santiago-Lugo, era a Manuel Regueiro Tenreiro. Tan afeito estaba o bon do Manolo, home metódico onde os haxa, aos horarios dos coches de liña que, ao aproximarse o momento Freire, despedía amablemente ao seu interlocutor ou interlocutora e, collendo a carteira -no inverno o paraugas e a pucha-, marchaba con total naturalidade, nada de présas, cara á estación. E así un día tralo outro. De maneira que, cando certo mandamáis, moi dado a pór alcumes, non o daba localizado, estrañado de que un director xeral da Xunta non esixise coche oficial e como aínda non había móviles, dicíalle á secretaria: «Déjalo, con Gorra y Castromil es imposible». De nada valía que o propio Regueiro, con infinda paciencia, lle aclarase ao falabarato que non era exactamente así, que il gastaba pucha, non gorra, e que collía o Freire, non o Castromil. O outro seguía nas súas: «Gorra y Castromil». Pois si, fomos a Lugo a un acto ateigado de público na Biblioteca provincial, organizado por Galicia Dixital e Xulio Xiz, a presentación da conferencia-mitin pronunciada por Xosé Fernando Filgueira Valverde perante os micrófonos de EAJ-68, Radio Lugo, o 18 de xuño de 1936. E velaí que o rescate desta peza, As razós do galeguismo autonomista, a trascrición do orixinal e o estudo preliminar, útil para entender o contexto no que o responsable da Federación de Forzas Nazonalistas de Galeguistas de Dereita, formación que Filgueira representa na alocución na que pide o voto a favor do Estatuto, débese ao profesor de Filosofía e investigador Regueiro Tenreiro e ao seu fillo, Fernando Regueiro Pérez. Fun aló, pois, non só pola simpatía que nos une -compartillamos chiscadelas en proveito da lingua deste país-, senón porque cos amigos cómpre estar nas duras e nas maduras. Intelixente a súa intervención, non exenta de humor -en Ourense acadaría categoría de pándigo-, con altura. Palabras sinxelas e unha enteireza encomiable, bo e xeneroso. Cando alguén se adentre na análise ?coa verdade por diante, non desde os prexuízos? do papel da Administración autónoma na normalización do noso idioma, descubrirá o teimudo e eficaz labor de Manolo Regueiro.