Flores da edición

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño unha xoia nas maus. Non se trata, nin moito menos, dunha alfaia de ouro e diamantes. É unha caixa de cartón, de 25 centímetros de longo por 16 de ancho e 6 de groso. Un estoxo con papeis pegados -anverso, reverso, cima, fondo e lombo-, fermosos, en azul e verde, rotulado en maiúsculas: POESÍA ACTUAL EN BOTELLA AL MAR e dúas liñas explicativas en alta e baixa: Colección dirigida por Arturo Cuadrado y Luis Seoane e impresa por la Imprenta López, Perú 666, Buenos Aires. Dentro, oito libros de poesía, cada un con diferente portada e contracapa, alusivas ao título e contido do poemario. Oito pezas do inxenio e do talento de Luis Seoane, director gráfico, ilustrador e atento «coidador» de cada mínimo detalle dos 150 volumes aparecidos en Botella al Mar a partir de 1947. Seoane explícanos a aventura: «Cando, con Cuadrado, quixemos continuar en Buenos Aires o labor comezado de estudantes en Compostela, editando, sen ánimo de lucro nin  estratexias comerciais, libros estranos de coñecidos e descoñecidos, eses que ninguén arrebata nas librerías pero que marcan, silandeiros, o estilo dunha época e a historia cultural dun pobo, atopamos na imprenta López, das máis importantes de Sudamérica, o apoio necesario». Detrás da empresa gráfica da rúa Perú 666, estaba, como non, un emigrante galego, José López García. Sen o labor da Imprenta López sería imposible a calidade, naquel tempo, dos libros na Arxentina, e noutros países de América, a supervivencia das primeiras editoras independentes e, por suposto, boa parte do labor editorial dos nosos exiliados e emigrados. Ninguén lembra hoxe a José López García, non aparece en Google, ninguén dá datos dun circio defensor da liberdade de expresión e da República española, ninguén recoñece a súa habelencia, a perfección na arte de imprentar. Polo colofón doutra xoia bibliográfica, A la Pintura. Cantata de la línea y del color de Rafael Alberti (Imprenta López, 1945), proxectada e concebida por Attilio Rossi -artista italiano fundamental no deseño de obras singulares de Neruda, Borges, Octavio Paz... e de case todos os grandes escritores exiliados españois- para homenaxear a José López García, falecido pouco despois do remate da segunda guerra mundial, coñecemos o seu derradeiro desexo de paz e de amor á humanidade: «Que triunfen de nuevo la poesía, la línea, el color, y que la sangre derramada no lo haya sido en vano».