Souben dil por un libro que me tocou fondo, Historias de emigrantes, publicado en 1968 polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo. Non foi milagre que me conmovesen uns contos ben entretecidos por Xosé Neira Vilas; falaban do mundo que xusto daquela eu acababa de deixar. Linos en Vigo, case recén chegado de Buenos Aires, na biblioteca da caixa de aforros, sita entón no edificio principal de García Barbón, entrada por Colón, onde acudía moitas tardes antes de comezar o meu turno de camareiro na cafetería Tamanaco, preto de alí. Manteño nídia a capa e as ilustracións, obra de Luis Seoane, e lembro personaxes e detalles duns microrrelatos que me impactaron: un carteiro, unha costureira, un barbeiro, un viaxante de madeiras... A min, fillo de carpinteiro, asombroume o coñecemento do autor das árbores do Chaco, Misiones, do Paraguay e do Brasil: petiriví, raulí, quebracho colorado... Souben logo que Pepe Neira traballara niso. A segunda obra súa que lin foi A muller de ferro, editada por Galaxia en 1969. Poucos repararon nela -considéroa entre as mellores-, aposta pola temática universal e tenta a avangarda, conségueo. Sinto non ser un dos miles de milleiros que chegaron ao galego escrito a través das Memorias dun neno labrego. Díxenllo cando nos coñecemos en Cuba e non lle pareceu mal. Foi en xullo de 1978, a primeira vez que alí estiven, como delegado ao XI Festival Mundial de la Juventud y los Estudiantes. Atopeino na súa mesa de traballo da Compañía de Electricidad de La Habana. Leváralle un paquete de libros que me deran para il en Galaxia -Neira valeuse moito dos propios que ían e viñan, só así puido estar ao tanto das nosas novidades editoriais-. Convidoume a xantar nun restaurante do Vedado, El conejito, onde só servían carne de coello. Falamos moito de Galicia, algo de política. Tomamos café na súa casa, preto do Hotel Riviera, tamén no Vedado. Desde aquela fomos amigos. Cando a Alma Mater habaneira lle concedeu a Torrente Ballester o doutorado honoris causa alá fomos con don Gonzalo, Fernanda, Marisa, filla de Torrente, e Manolo Regueiro. Xuntos na Cátedra galega da Facultad de Letras, xuntos na Aula Carpentier da USC. Hai cousa dun ano, antes de recibir un prestixioso galardón, preguntoume pola Insua dos Poetas. Tiñámoslle unha sorpresa e ímola cumprir. Mentres, Pepe xa anda por alí asubiando entre os carballos, recollendo herbas, falando a treu. Ocupa praza de seu como escritor feito a si mesmo, cronista das maus e brazos dunha América que foi fortuna para poucos, máis ben traballo duro, bágoas e penas, morte na distancia. Sabíao e deixono por escrito.