Mate literario

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

18 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Volvín estes días a La catedral y el niño, libro fundamental para calquera que se atreva a remexer na propia infancia. Eduardo Blanco-Amor, na «Justificación» que lle coloca á edición española (Ediciones del Centro, Madrid, 1976), explica a circunstancia e a intencionalidade da novela. Escrita a finais dos 40, seica por suxerencia de Alejandro Casona, esta magnífica obra, primeira incursión do autor na narrativa longa, con claros matices autobiográficos, aborda a pubertade sen tapuxos. Debería ser lectura recomendada para estudantes de bacharelato, alomenos en Ourense, capital e provincia. Nun intermedio da brillante prosa de EBA veume á memoria a propia adolescencia na cidade de Buenos Aires, hai máis de medio século. Lembranzas da primaria no colexio público Blas Parera, músico catalán que compuxo a partitura do himno, e, como non, da mestra máis querida. Dona Queta -redonda, canosa e impecable, gardapó branco almidoado-, contándonos a odisea de Bonpland nos yerbales. Acusado de espía polas autoridades paraguaias o botánico botou oito anos na cadea, e alí podrecería se non fose pola campaña que montou ao seu favor, en Francia, Humbolt, o seu colega. Amante como son do porteño e do creoulo, identidades distintas, confeso escasa adicción á herba mate, infusión cebada nun cacharro pequerrecho -recipiente ao que tamén se di mate-, sorbida a grolos pola bombilla. Comparten mate o gauchesco e o arrabaldo -os bravos paisanos enxebres da pampa e a patulea de compadritos malevos da cidade-, arxentinos ambos e dous. Borges, que non era moito do Martín Fierro, gostaba máis de Macedonio Fernández e de Lugones que de Güiraldes e Payro. O mate pasando de mau en mau, de boca en boca... e pobre de quen o rexeitase con noxo, non só rachaba rito e cadea, cousa comunal medio proudoniana, senón que ofendía gravemente aos que llo brindaran. Igual que a das flores, existe unha linguaxe do mate: amargo, indiferencia, con azucre, amizade, moi doce, se cadra algo máis... Entre os nosos emigrantes -2.041.603 galegos e galegas cruzaron o charco entre 1836 e 1950, a meirande parte cara á Arxentina- só se consideraban plenamente integrados, os afeitos a matear. Juan Filloy, xuíz de orixe galega, curioso novelista, poeta de palíndromos -de moda desde que o reivindicou Cortázar-, destacou tamén como experto mateador. Non sei González Carbalho, a quen ando a recuperar para a patria anterior; preguntarello a Antonio Requeni.