Hugh Thomas, na biografía Barreiros, El motor de España (Planeta, 2007) recolle a traxectoria do industrial Eduardo Barreiros Rodríguez, un dos ourensaos máis destacados saído de Gundiás, onde naceu o 24 de outubro de 1919, San Miguel do Campo, Nogueira de Ramuín. Raiceiras aldeás que se fan urbanas en 1929, coa familia Barreiros na capital. Primeiro nunha casa alugada, detrás do Hospital e, logo, sucesivamente, en Cardeal Quevedo 8, desde onde pasarán ao 5 da mesma rúa, casa de pedra co garaxe-taller no baixo. Lord Thomas de Swynnerton, Hugh Thomas, caracteriza a cidade das Burgas nas décadas iniciais dos Barreiros con dous epítetos luminosos: «brillante y clara», matizando despois: «urbana y aún rural, industrial y tradicional, frívola y católica, a un tiempo, lejos y cerca de España». Interesante resulta o remate do capítulo 7: «De este modo, la gallega Ourense se convirtió en algo parecido a un primo lejano y viajero: diferente de la España industrial que amanecía, pero con puentes tendidos hacia Inglaterra, América del Sur y del Norte y, por supuesto, la vecina Portugal». No Epílogo, elaborado a partir de testemuñas (entre as que cómpre salientar as de Mariluz Barreiros, filla de Eduardo e actual presidenta da fundación que leva o seu nome) aporta o autor de La guerra civil española, traballo de enorme resonancia internacional, as probadas do ourensanismo de Eduardo, sentimento de orgullo que levou consigo durante toda a vida. O 11 de novembro de 1918, festividade de San Martiño, coñécense, en Sabadelle, nun magosto, Luzdivina e Eduardo, pais da saga integrada por Eduardo, Valeriano, Graciliano, María Luz e Celso. Ese mesmo día, ás 11 da mañá, calaran os cañóns e abaixáranse as baionetas na fronte occidental: rematara a Grande Guerra europea. Festexaba Europa a fin da que fora, daquela, a maior traxedia da humanidade. Xuntábanse dúas potencias, os Barreiros e os Fernández, Gundiás e Sabadelle. Microcosmos imprescindibles á hora de encararse co desenvolvemento da industria automotriz, transformadora da España autárquica de Franco no desarrollismo dos 50 e dos 60, e co xurdimento dunha nova clase media, elementos que, trala morte do dictador, 1976, abrirán ás portas á liberdade e á democracia. Coñecín a don Eduardo en Cuba o 17 de maio de 1991. Cantamos xuntos o noso Himno no Palacio do Centro Galego da Habana. Fixémonos amigos, para min un pribilexio.