Chacabuco 955

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa me teño referido á conmoción dos republicanos españois perante a vista a Buenos Aires da comitiva encabezada polo ministro  de Marina de Franco, o almirante Salvador Moreno Fernández, demáis oficiais e tropa do cruceiro Galicia, que tomaron parte, en xuño de 1946, nos actos oficiais da primeira presidencia do coronel Juan Domingo Perón. O atrevemento dos militares fascistas, apoiados por Perón, levounos a presionar ao Centro Galego onde, finalmente, foron recibidos xunto co embaixador de Franco, Areilza, que nunca lograra entrar alí. Todo isto provoca a reacción dos sectores máis concienciados e combativos da colectividade, nomeadamente a Federación de Sociedades Galegas. Lorenzo Varela, a pouco de zarpar o cruceiro, é convidado polo Centro Galego a impartir unha conferencia -El mundo lírico gallego, publicada, xunto con outros escritos, por X.L. Axeitos (Ed. do Castro, 2001)-, co gallo dos actos do Día de Galicia. Non desaproveita o poeta a ocasión de arremeter contra os responsables de abrirle a Franco as portas da maior institución galega do mundo, que daquela agrupaba 85.000 socios e que hoxe, intervida pola autoridade xudicial arxentina, pasa polo peor momento da súa historia, a piques de desaparecer ante a impasibilidade da Galicia territorial. Lorenzo Varela será tamén a alma da resposta máis contundente; fronte ás armas, a palabra, fronte ao terror, a verdade. La Fiesta de la Poesía al servicio de la verdad, a pesar do empeño de Areilza en suspendela, coa complicidade do ministro do Interior peronista, tivo lugar o 28 de xullo de 1947, na Federación, Chacabuco 955. Introducidos por María Teresa León -o outro presentador, Eduardo Blanco-Amor, non puido asistir por enfermidade-, acudiron á chamada da Galicia democrática e republicana, nada menos que: Pablo Neruda, que recitou poemas da guerra civil co puño ergueito, León Felipe, que desafiou a censura peronista, Nicolás Guillén, ovacionado, Alejandro Casona, espléndido, Rafael Dieste, que leu dous textos en castelán e un en galego, Rafael Alberti, mordaz contra o asasino Queipo de Llano e o arxentino-galego González Carbalho, que lembrou a Lorca e a Miguel Hernández. Agora, case 70 anos despois, Francisco Lores Mascato, actual presidente da Federación, espírito loitador irreductible, quere relembrar aquel estoupido de voces de grande altura poética como homenaxe aos exiliados e aos emigrantes, como canto á liberdade. Será o  próximo 24 de abril, en Chacabuco 955. Onde se non? Alí estaremos, coa Verdade, coa Paz e coa Poesía. Sempre!