«Hoxe, non por ser máis novos temos ilusión»

FUGAS

Pixelin Photo

Con «Crossing» demostrou a solidez do acordeón como instrumento principal nun disco e agora, con «Bipolar», o músico das Pontes volve amosar a súa capacidade creativa e versatilidade cun instrumento que o acompaña desde os 14 anos

18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Penabad (As Pontes, 1985) non se arreda ante nada e acaba de editar o segundo disco como acordeonista, Bipolar, un traballo con oito pezas de creación e outras dúas tradicionais no que se acompaña das pandeireteiras de Lilaina, de Pablo Bergara (bodhram), Ramón Dopico (percusións) e Álvaro Trillo (batería). Afillado musical de Bieito Romero, ten como referente musical ao seu primeiro profesor Javier Díaz Carrasco e aínda que ten formación clásica, recoñece que despois foise curtindo «na universidade da vida dentro do folk». De cativo consideraba de «vellos» o do acordeón, mais por el abandonou a guitarra tras ir enganado a primeira clase xa hai 17 anos.

-Defende que este é un disco máis de directo.

-No primeiro empecei a chamar a xente que coñecera nos quince anos que levaba daquela na música e este xa foi enfocado á miña banda actual, para unhas necesidades técnicas e humanas menores. Crossing foi pensado para unha banda de dez ou nove músicos e este para unha de cinco, porque nos tempos que corren non podes pretender chegar a un festival con nove persoas. 

-Chegou en mal momento.

-Eu cheguei xa cando estaban as castañas ao lume, pero non por iso con menos ilusión. Estamos atravesando tempos complexos, pero teño a esperanza de que isto volva rexurdir, senón non estaría facendo esta loucura. Por un lado estou desilusionado porque á xente nova non se lle abre case ningunha porta e normalmente se lle pechan nos fociños, pero hai que apostar polo relevo xeracional. A xente que vimos detrás non por ser máis novos temos ilusión, senón ó contrario. Eu sigo mantendo o mesmo que dixen ao presentar o primeiro disco, que é que presentaba este proxecto coa ilusión de forxar o meu nome no panorama folk galego.

-Describa Bipolar.

-É un disco doado de escoitar, non moi longo. Eu teño escoitado discos de 30 minutos que se me teñen feito eternos e o meu é doado, fresco e hai coherencia entre os temas. A xente non adoita acabar os concertos sentada. É un disco que invita a bailar.

-Acordeonistas só soa Kepa Junkera, co que colaborou.  ¿Que mercado viu para o instrumento?

-O instrumento está infravalorado polo descoñecemento que hai, aínda que hai moita música na que atopas o acordeón, desde o tango ao pasodobre, o bolero e ata a música comercial. Vas hoxe a unha discoteca e escoitas música de acordeón como acompañante. En Galicia eu son o primeiro que me lanzo a esta aventura de gravar un disco en solitario sendo acordeonista, e non porque non os haxa, que cada vez os hai mellores, senón porque non hai axudas e hai que botarlle o que lle hai que botar, rachar o peto e apostar polo teu soño para facelo realidade.

-Recoñece a Bieito Romero como padriño musical.

-Si, foi unha das primeiras persoas en involucrarse no meu proxecto e o encargado de darme todos os bos consellos que me puido dar. Estou eternamente agradecido por que haxa persoas que, sen ter por que facelo, se dignasen a botar unha man a un rapaz de As Pontes que tiña a ilusión de gravar.

-¿Con que compaxina a música?

-Dou clases e teño un local de concertos nas Pontes, A Cova dos Trasnos, e entre todo imos tirando para diante. Hoxe en día se non te dedicas a dar clase comes espaguetes todo o ano, porque os concertos só os tes no verán.