Con José Luis Moure, presidente da Academia Argentina de Letras, moito falamos de Galicia a pasada semana. Durante o VII CILE (Congreso Internacional de la Lengua Española), celebrado na capital borinqueña, San Juan, o profesor Moure, oriundo do Carballiño e de Sobrado dos Monxes, fixo unha brillante intervención sobre a realidade do castelán, con especial fincapé na incorporación das aportacións dos falantes maioritarios, e a toma en consideración, académica, dos americanismos que, «a trancas y barrancas» o idioma de Cervantes e do Inca Garcilaso de la Vega vai incorporando. Alén disto souben, polo docto amigo, dos traballos de Óscar Conde, outro filólogo arxentino -tamén de estirpe galega-, que ten afondado no lunfardo, fala marxinal na súa orixe que derivou, no rexistro popular, cara á unha expresión de confianza. Á aportación do galego ao lunfardo, como variedade de urxencia no proceso de adaptación lingüística dos nosos emigrantes nas primeiras décadas do século XX, Conde chámalle «farruco». Trátase, pois, dunha transición, mestura de galego, castelán riopratense e italiano (máis exactamente napolitano e falas da baixa Italia) con marcas na morfoloxía e na sintaxe. A denominación de «farruco» obedece a un arquetipo, Francisco, el Gayego, moi presente e esaxerado nos sainetes dos anos 20 e 30 por Nemesio Trejo e outros satíricos bufos. Volvendo á Illa dos cangrexos, significado de Boriquén ou Borinquén en taíno, lingua aborixe de Puerto Rico e doutras terras do Caribe, arrasada polo castelán, calquera pode comprobar que aquela situación lingüística pódese equiparar a Galicia, pero ao revés. O idioma de prestixio é o inglés, pero a forza de vontade do pobo mantén a instalación na lingua familiar, o castelán, que resiste contra vento e marea. En San Juan debatemos sobre Diversidade e Creatividade, moderados por Víctor F. Freixanes, Carme Riera, por Cataluña, Arantxa Urretabizcaia, polo País Vasco, e servidor, por Galicia. Pagou a pena, porque desde Iberoamérica, mesmo en foros desa índole, non se entende ben o alcance da cooficialidade e os perigos da diglosia. Si, en Puerto Rico, país que conta co preso político máis antigo do planeta, Óscar López Rivera, patriota boricua que leva 35 anos nun cárcere dos USA por defender, entre outras cousas, o castelán portorriqueño.