Dentro de pouco cumpriranse 109 anos do nacemento de Enrique Líster (Ameneiro, Calo, Teo, 1907-Madrid, 1994). Todo comezou á rompida dun día de primavera, en Compostela (1975) con Aurora, a máis nova -leiteira valente, inesquecible amiga-. Despois a campaña Pola volta de Líster, dos camaradas galegos do PCOE, poucos pero bos. Capitaneados por Aurora e Manuela, a outra irmá -certa e xusta coma ninguén-, presionamos ás autoridades da Transición para que lle deran o pasaporte ao cidadán Jesús Liste Forján (Enrique Líster) exiliado 38 anos. Loitador incansable contra o fascismo, coronel xefe de corpo das tropas da República, xeneral do Exército vermello (URSS), do polaco e do iugoslavo de Tito, denegáronllo en agosto do 76. Non o tivo na man ata maio do 77. Entregoullo Santiago Martínez Lage, betanceiro diplomático de carreira, ao tempo cónsul adxunto en París. Nós seguimos, paso a paso, aquela tensa situación. Por fin, Aurora, o avogado Manolo Rodríguez e quen subscribe plantámonos en Madrid para recibilo. O encontro no aeroporto foi emocionante. «Todo chega nesta vida, Auroriña», díxolle en galego á irmá, vestida de loito eterno e co pano á cabeza, antes de apertala contra o seu peito enorme. Fomos amigos de verdade. Compartimos, con Carmen, a súa compañeira, con Quique, un dos seus fillos, algúns veráns en Ameneiro. Xornadas incribles na casa de Aurora, con Marisa e con Florencio, co seu sobriño Eduardo... En fin, coa estirpe Liste, exemplo de nobreza e dignidade, de sufrimento calado. Vénme agora, non sei ben por que, unha conversa pola mañanciña, ¿sería agosto do 78? procurando os dous o frescor á beira do regato do Mondelo. Aproveitei para preguntarlle polo famoso soneto de Antonio Machado: «A Líster, Jefe de los Ejércitos del Ebro». Díxome que se coñeceran a comezos da guerra en Madrid, despois do asalto ao Cuartel de la Montaña, e que don Antonio fora felicitar aos milicianos. Volvéronse ver na evacuación de intelectuais e artistas a Levante, levada a cabo polo 5.º Rexemento e, xa no 38, en Valencia, na mesma viaxe na que estivo con Castelao e outros galegos da tertulia do Café de la Paz. A derradeira foi en Barcelona, xaneiro do 39. A volta de correo, Machado, moi decrebadiño, lle enviou o poema manuscrito. Malia que se perdese o orixinal e a correspondencia que cruzaron. Líster amaba a poesía e consideraba o labor dos poetas na guerra. Na 11 División tivo un batallón ao que chamou «do Talento». Integrábano Miguel Hernández, Herrera Petere, Serrano Plaja, Lorenzo Varela, Pedro Garfias, Emilio Prados, Rejano, Altolaguirre...