Corazón de poeta

Luís G. Tosar
LUIS G. TOSAR RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos dos 80 xuntabamonos, en Compostela, un grupo de mozos que, polas tardes, visitabamos a tenda de artesanía rexentada, daquela, por Aurichu Pereira e Salvador García-Bodaño, un soto case no remate da Rúa Nova -entre a Galería Sargadelos, entón fervedoiro de actividade cultural, e o Bar Metro, cutre, escuro, tristón-. Alí, diante de Salvador decidimos, nun tris-trás editar unha revista. Puxémoslle Dorna e patrocinouna a Asociación Cultural homónima da Illa de Arousa. E arredor daquela ilusión seguimos rulando, entre eufóricos e afrixidos, soñando imposibles. Poño eiquí us cantos nomes, non sei se todos: Xurxo Fernández, que a deseñou, Ramiro Fonte, Xesús Otero Molanes, Lois R. Andrade, Fina Fontes, Xuanco G. Naveiro, Miguel Bugallo e, como non, Xiao Roel, frecuentador do Ateneo Tabernario dos Miserables, ultramarinos-cova, mínimo e sen fiestra, a unha chancada do mítico portal de Xelmírez 15. Sempre aberto, incluso domingos e festivos. Eran tempos líricos aqueles, eran. Non tanto polo noso común afán, senon por unha melódica de moda, unha miguiña cursi, cantada por Jeanette, rapariga doce de pouquiña voz con sutaque yankee, aínda que disque nacera en Londres a comezos dos 50, como os máis vellos de nosoutros, entre os que me conto. A tal Jeanette Anne Dimech interpretaba, pois, con grande éxito, o arranxo musical de Manuel Alejandro e Ana Magdalena: Corazón de poeta. E claro, a nosa tropa non estaba para adolescentadas, como afirmaba Ramiro, categórico e cheo de razón. Pero a memoria, que ven sendo o nobelo da cabeza, devolveume a aquela balada de sona o pasado 21 de maio. Deitado nunha cama de hospital, cosido de cables o peito, acribillados de agullas os pulsos e os brazos, veume ás mentes. Por me aliviar dunha dor toráxica, que derivaría en anxina de peito, fun delubando a primeira estrofa. «Tiene la expresión de una flor,/ la voz de un pájaro,/ y el alma como luna llena/ de un mes de abril./». E así foi vindo a seguinte: «Y tiene el corazón del poeta,/ de niño grande y de hombre niño,/ capaz de amar con delirio,/ capaz de hundirse en la tristeza./ Trastadas do corazón, tan mentado e tan descoñecido polos poetas, que abusamos dil a reo. Cando lle lin ó Dr. José Ramón González Juanatey, eminente cardiólogo, un verso de Alejandra Pizarnik, «mi tragedia es el viento en mi corazón», sorriu con elegancia. Il si que sabe.