Os amos da contemporaneidade nunca pitan a fin do partido. Vai en contra da súa lóxica económica. Dende as plantas nobres declararon a ocupación constante, a frustración colectiva e a dislocación do presente, esa ansiedade que confundimos coa substancia da vida.
A angustia converteuse no valor económico máis rendible. Dende que nos erguemos pola mañá, lanzarnos contra un horizonte insoluble garante os mellores beneficios. Somos alimentados por ese veleno e ninguén manda parar agás os místicos, que levan séculos recomendándonos unha solución semellante á alerta contemplativa dos felinos.
Un formateo vixiante, un desentenderse de todo procedemento. Reler hoxe a Mechthild von Magdeburg, a Eckhart ou a Ibn Arabi, igual que internarse sen prexuízos en San Juan de la Cruz ou no quietismo de Miguel de Molinos, tan admirado por José Ángel Valente, non semella mala solución para botar un pé fóra da liña marcada. Así llo pareceu a Almudena Otero, que vén de compartir este estimulante ensaio ao redor das fendas que aínda podemos abrir para armarnos de certa sabedoría, mormente a mística e o xogo cos límites da linguaxe.
«Toda palabra debería ser expresión de algo que vai alén do eu, atravesar a alteridade», sinala co foco en Mechtild. Cómpre parar aínda que non queiran.
E descubrir ese rutilante conspirador contra toda inquietude que levamos dentro.
AUTOR
ALMUDENA OTERO
EDITORIAL
AXÓUXERE
112 PÁXINAS
15 EUROS