¡Oh, Ayatollah, que gran disco!

TEXTO: CARLOS PEREIRO

FUGAS

cedida

O novo traballo da banda compostelá é pegadizo e ilusionante, testemuño da nova xeración da música galega

22 feb 2018 . Actualizado a las 16:10 h.

Din algúns expertos que a melodía é a parte fundamental dunha canción, e non obstante parece ser esquecida pola meirande parte dos grupos que percorren os escenarios hoxe en día. Por iso, cando unha banda se centra nela non é difícil que os pescozos do público acaben por xirarse a ver que cantan, que fan, ou por onde van os tiros. Os Oh! Ayatollah soan ben, crean melodía, por iso, e tendo en conta a súa idade, cómpre prestarlles atención, limpar as orellas e ver que traman de agora en adiante.

Viñan avisando cos seus vídeos e as súas maquetas, por iso a sorpresa de atoparnos cun disco fresco, intelixente e ben feito non é xigantesca (que pode selo se un chega a eles de primeiras). As nove cancións que compoñen Volve a canción protesta son testemuñas directas dunha nova xeración facendo música, e que colle o rebufo doutras máis avanzadas e que nos últimos anos tanto lle deron a escena galega. Falamos de Ataque Escampe, Familia Caamagno ou The Homens.

Ao fin de contas, todos eles estiveron presentes para arroupalos na presentación do LP mentado na sala Capitol de Santiago de Compostela. Que, por certo, foi un éxito.

Gravado e mesturado por Hevi (o que xa outorga unha base na produción máis que interesante, tendo en conta o ancho e variopinto currículo do santiagués) no Laboratorio Soyuz, Volve a canción protesta é unha gran aposta polo pop, lembrando que as guitarras eléctricas tamén poden soar en limpo e facelo sen complexas técnicas de virtuosismo nin desparrames sonoros.

Calidade galega

Nove cancións que demostran a boa saúde do xénero como tal, sen esquecer algo a destacar: de novo a lingua galega aparece nas letras, e fóra de políticas ou idearios a realidade é que Oh! Ayatollah son a enésima proba de que a música en galego e de calidade está de moda. E a xente acode a súa chamada.

O disco encerra pequenas xoias coma Familia política, Venganza ou a propia Volve a canción protesta.

Lixeiras e brillantes, deixan oco a outras composicións máis veloces e bailables coma Ei, ei (dous minutos de euforia punk).

E por suposto hai humor, hai ironía e hai retratos do día a día, ata da noite e as súas consecuencias coma en Animal. Oh! Ayatollah asalta o terreo dos discos de longa duración cunha entrada pegadiza e ilusionante.

Unha ilustración do que é a xuventude, e que terá continuación coa xira que agora emprenden.

Avisado queda.