Simone de Beauvoir e Caitlin Moran teñen o seu eco na voz de López Silva, nun manifesto que empuña o feminismo con valor e humor, e está entre os libros máis vendidos en galego. Ata dona Letizia e Marta Chávarri coinciden en «Chámame señora, pero trátame coma a un señor», unha memoria persoal do machismo de alta cultura
08 dic 2022 . Actualizado a las 14:38 h.«Teño 52 pares de zapatos e, segundo moita xente, iso é sexista. Faime superficial. É antifeminista. É incompatíbel co desenvolvemento do meu intelecto», escribe Inma López Silva (Santiago, 1978) en Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Con máis tripas que corazón (pero sen deixar pasar o momentazo Interviú de Marta Chávarri ou os afiados tacóns de Letizia), con graza, con fondo, con sexo, cos resultados dunha consulta en Facebook sobre os apelativos caseiros de pene e vulva (prefacia, xarola, parranda?), cun sentido brutal da realidade e a experiencia en carne propia da misoxinia educada como parte do iceberg do argumento arma López Silva «unha memoria persoal do machismo na cultura». Aquí un manifesto feminista transferible, con glamour e aires boho-chics, elo entre a confesión cómplice e a crónica social con corpo. «É o corpo! E o corpo é poder, estúpida», impele. Quizais así se pronunciaría Caitlin Moran de ser galega. A británica que pisou forte (cunhas Dr. Martens) con Como ser muller conflúe neste ensaio á súa bóla, adobiado de anécdotas, confesións e humor agudo e lercho, con Simone de Beauvoir, Diana López Varela, Teresa Moure ou Susan Sarandon. Tamén con Vargas Llosa, Marías e os grandes dianteiros da liga do antifeminismo cum laude.
«Queres opinar? Queres escribir? Xenial, refúxiate no cuarto propio, coma a tola da casa. Pero sigue cumprindo as túas obrigas... como muller», ironiza a autora sobre unha crúa e evidente realidade.
O mundo de Frozen e A Patrulla Canina tamén o coñece, sofre e comparte, para clarexar os clixés sucios do doméstico, López Silva, nai de dúas fillas pequenas neste mundo noso ao que lle vai mellor, para perpetuar roles, con princesas xeadas que con mulleres reais e conscientes. Virginie Despentes, autora da Teoría King Kong, é outra das voces que acompañan neste libro, nesta sorte de desratización do establishment machista que reforzan o intelectual falócrata e a «muller-pelota». Silva dispara de fronte aos estereotipos campantes, aos moldes que tratan de aparvarnos, reducirnos e esnaquizarnos.
Cabe pensar se «o matrimonio é outra forma de prostitución aceptada socialmente»; esta visión trash de Despentes delata as intencións e o arroxo de López Silva. Nin un paso atrás. A por todas. Síntete aludido, home. Chámame señora advirte que es máis ca un macho, que hai outras masculinidades, que as cousas non se fan por forza «a machote». Eles, vós, tamén sodes vítimas dun canon reseso, advirte a tamén autora de Aqueles días en que eramos malas.
«Eu era a gorda da clase», comeza López Silva, revelando o peso do estigma nunhas páxinas que se len en dous gin-tonics (voan!) e reivindican unha revolución sen volta na cultura e na vida. A que rebentará os conciliábulos machistas, e rematará cando se preste máis atención ao punto de vista dunha muller que ao seu escote, cando o respecto sexa paritario para señores e señoras, sen necesidade de cotas.
CHÁMAME SEÑORA, PERO TRÁTAME COMA A UN SEÑOR
INMA LÓPEZ SILVA
GALAXIA
186 PÁXS., 17 EUROS