Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Mayra Andrade: «O de sucesora de Cesária Évora sempre me incomodou»

FUGAS

cedida

África, o Brasil e Europa conflúen con inusitada beleza e naturalidade na música da cantora caboverdiana. Mayra Andrade actúa mañá no Cantos na Maré, que cumpre quince anos

12 sep 2019 . Actualizado a las 18:12 h.

E ti pregúntasmo? Lusofonía es ti. Naceu Mayra Andrade en La Habana, criouse en Cabo Verde, reside en Lisboa e grava con senlleiros músicos e produtores brasileiros. É normal que represente coma ninguén o espírito do Cantos na Maré, festival que mañá a acolle por segunda vez. Di que nesta ocasión vén cun obxectivo moi claro: «Dar a coñecer a miña música, e en concreto o meu novo disco, Manga, co que estou de xira». Un sensual disco no que a cantante e compositora caboverdiana reformula a súa música materna e explora novos sons tropicais. Gravado entre París e Abidjan (Costa de Marfil), Mayra Andrade achégase en Manga, cunha asombrosa capacidade de sedución, ás músicas urbanas, ao afrobeat, o pop tropical e a música tradicional do seu país. Malia que ela non lle dá tantas voltas. «Tan só trato de facer música que reflicta a miña vida», di.

—Como lembra a súa primeira participación no Cantos na Maré do 2011?

—Foi unha experiencia moi bonita. Fun con moita ilusión por achegarme a outras culturas... Gosto muito de ir a Galicia.

—Ah, si! Que é o que máis lle gusta?

—A gastronomía [ri]. E que os galegos son xente moi cálida e agarimosa.

—Percibe conexións entre a música e a cultura galegas e a dos países lusófonos?

—Na música non a percibo dun xeito claro. O que si que os galegos son os únicos españois que me entenden cando falo portugués.

—No seu novo disco retoma moitas influencias africanas. É África a nai de todas as músicas?

—África é a nai da humanidade. A partir de aí podemos considerala a nai de moitas cousas. Coido que a influencia da musica africana vai moito máis alá incluso do que cremos. Non está só no hip-hop, no blues ou no jazz; tamén está presente nas músicas orientais e en moitas outras sonoridades que chegaron a Europa e ás Américas.

—Ata o punto de que a música africana ocupa hoxe espazos de modernidade.

—Si. Ata non hai moito, falar de música africana era falar de música ancestral. Pero hoxe ten moita presenza na música contemporánea. Internet xogou un papel fundamental na divulgación das músicas africanas de hoxe e na súa contaminación positiva doutros xéneros. Estamos a vivir un impulso creativo moi grande.

—Hoxe, no 2019, que significa para vostede Cesária Évora?

—Moitas cousas. Teño un sentimento moi especial e de gratitude cara a ela, polo que ela fixo por Cabo Verde e por min. A primeira vez que a vin tiña 12 anos. Díxenlle que era cantora, porque eu nacín cantora, e díxome: «Se es cantora nunca esquezas que o público será quen decide o que será feito de ti, se te sobe alá encima ou se te deixa caer». Foi a primeira vez que alguén me deu un consello na música. Despois tiven a oportunidade de cantar con ela e estreitamos unha relación de agarimo moi grande. É unha persoa que deixou en min moita saudade.

—E cando se fala de que Mayra Andrade é a súa sucesora, como se sente?

—Esa expresión sempre me incomodou. Cando eu empecei a cantar, Cesária aínda estaba activa. Supoño que ten que ver con que unha vez un xornalista preguntoulle cal sería o próximo nome da música de Cabo Verde e ela falou de min. Pero coido que non ten moito sentido porque musicalmente somos moi diferentes. O que temos en común é que somos dúas mulleres de Cabo Verde comprometidas con divulgar a música e a cultura caboverdianas.