Aínda non tiña disco e xa actuara no Son do Camiño e no BBK Live. É o último fenómeno da nosa música. E o de «nosa» non só é un dicir
20 dic 2019 . Actualizado a las 13:39 h.Definiuse o seu estilo como cumbiatune, pero en realidade no seu disco cumbia só hai unha. Hai mambo, hai bolero, hai merengue, hai electrónica e, por suposto, hai autotune. Iso si. A proposta musical de Ortiga cativou a mundos que semellaban antagónicos apelando a emocións desas que todos levamos arraigadas ben dentro, por moito que ás veces nos empeñemos en enmascaralas revestidas de brilli brilli.
-Onde tocaron as cancións de Ortiga para que a xente conectase así con elas?
-Pode ser porque, aínda que envoltas en ton festeiro, conto cousas que me pasan e como me pasan. Hai honestidade, hai algo basado en hechos reales.
-Ademais conectan con esa lembranza de festa de aldea que hai en todos nós.
-Si, a min o que me gusta é esa comuñón da xente. Que estamos enfadados pero imos aí, bailamos un pouco e xa está, que ao final nada é tan grave, seguro, ho!
-Por citar conexións incluso se podería falar dos dúos das verbenas, ou mesmo do tipo co maquinillo e a cabra. Moléstalle?
-Como me vai molestar! Ti vas a unha actuación de De la Cruz Show, que é un dúo de Muros, e se tes sentimentos vas saír cun sorriso na cara, porque todo o mundo conecta un montón con eles e todo o mundo pásao xenial. Iso é que importa.
-Ortiga rachou por completo a fronteira entre o popular e o moderno. O mesmo lle bailan os «indies» dun festival que a xente das verbenas.
-É que os indies tamén teñen aldea. Entón supoño que algo tamén lles toca. A min o que me parece de pailán é ir de moderno cando a túa familia é toda dunha aldea. Pero vaia, eu tampouco lle dou moitas voltas a esas cousas. Eu teño un problema, fago unha canción e xa está. E se lle gusta á xente das aldeas porque ten ritmos latinos, guai, e se lle gusta aos que son máis indie cool porque ten autotune, pois tamén guai.
-Se o berce do pop foi Liverpool, o do «punk» Londres e o do «trip hop» Bristol... O do «cumbiatune» é Santa Comba?
-Home, Santa Comba é unha referencia clásica da festa en Galicia, pero eu creo que nunca estiven alí. Eu son de Carballedo, no sur de Lugo. O meu imaxinario é ese.
-O proxecto de Ortiga contémplao sempre en solitario?
-Ao mellor si que nalgún momento pode vir alguén a tocar comigo. Gústame a xente que ten varios formatos, pero como de momento non sinto esa necesidade tampouco o pensei. Supoño que de aquí a non sei cantos anos igual Ortiga un día somos cinco, e ao seguinte tres, e ao seguinte un, e despois cinco outra vez.
-Que importancia ten o sentido do humor no que fai?
-Moitísima. Eu isto fágoo para pasalo ben, e ben pasámolo rindo. Joder, a todo o mundo lle gusta que lle fagan rir, non?
-Aínda se presenta como Chicho O do Funk pero, onde vai o «funk».
-Iso foi dunha canción que fixera con outro grupo e quedou. Porque funk, como tal, non fixen nunca. Pero vaia, o nome mola e xa está.
-Que lle parece o debate arredor da apropiación cultural?
-Paréceme ridículo. Que me fale de apropiación cultural alguén a quen lle levan a comida en Glovo e toma o café en Starbucks pois río na súa cara. O meu non é apropiación, é mestizaxe, que é o bonito. Non é roubar, é integrar. A min iso da apropiación cultural paréceme unha lea un pouco nazi.
-O seu disco comeza cunha cumbia, pero remata moi electrónico. É unha pista do camiño que vai seguir no futuro?
-Non o sei. Sempre compoño e traballo a bote pronto, segundo o que me vaia saíndo. Que me apetece unha cumbia rebaixada? Pois fágoa. Que un merengue electrónico? Pois tamén. Ao mellor mañá érgome e digo «Como me gusta La Polla Records!», pois fago un tema así.
Pontevedra karma sábado, 22.00 11 euros Ourense torgal xoves 26, 22.00 ESGOTADAS