«Galaxia garda a alma de todos os galegos»

FUGAS

FUGAS

Sen esta grande editorial, que cumpre 70 anos, non existirían nin Cunqueiro, nin Casares, nin Ferrín, nin tantos outros autores clásicos e recentes como Domingo Villar. Festexamos por outros 70 máis!

01 may 2020 . Actualizado a las 13:40 h.

É inimaxinable pensar nunha Galicia na que non existisen Cunqueiro, Méndez Ferrín, Carlos Casares, Xohana Torres, Eduardo Blanco Amor, Pimentel, Ánxel Fole ou Domingo Villar. É inimaxinable contemplar unha Galicia na que non se puidese ler en galego Memorias dun neno labrego ou O principiño, unha Galicia que non atesourase a súa alma gardada a ben recado nas mans de quen sabe protexer o espírito cultural que lle é propio, a literatura, a lingua. Como sería esa Galicia?

 Desde logo os galegos e galegas non teríamos chegado ata aquí do mesmo xeito se esa enorme Galaxia de modernidade que proxectou Xaime Isla hai setenta anos non seguise brillando como o fai tanto tempo despois. El, xunto con outros fundadores, entre os que destaca Francisco Fernández del Riego e posteriormente Ramón Piñeiro, foron os que nunhas condicións políticas represivas, en plena ditadura, arriscando a vida, decidiron recuperar toda esa sabedoría e riqueza cultural que estaba agochada e esnaquizada para poñela ao servizo de todos os galegos.

«Con esa vocación fundouse a editorial Galaxia -expresa Antón Vidal, o seu actual presidente, que recoñece que ese mesmo espírito está aínda vixente-. «Agora as circunstancias son outras, pero eles continúan alumeando o noso camiño coa mesma forza de entón: apostar pola cultura, a lingua e a literatura propias para fomentar e seguir fomentando Galicia». Porque Galaxia xa desde o seu nacemento é máis que unha editorial, ou unha distribuidora de libros. «Ao comezo -explica Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, quen ademais estivo á fronte de Galaxia na etapa anterior-, a editorial xorde como un núcleo de resistencia contra a ditadura, pero ao tempo ten esa mesma ansia de conectar co mundo novo e co futuro. Os fundadores xa eran conscientes desde o seu inicio de que sen relevo non habería país».

Primeiro fito: o mesmo espírito

De aí que se fale máis de Proxecto Galaxia, como un gran soño que vertebra Galicia desde distintos ámbitos. «Eu sempre digo -explica Francisco Castro, o seu director xeral- que por riba de min hai un consello de administración. Pero por riba dese consello está Galicia. Galaxia nace para darlle servizo a Galicia, e 70 anos despois seguimos servindo a Galicia, ofrecendo no noso catálogo o mellor da nosa literatura, pero tamén da literatura contemporánea universal. Por iso para min o primeiro grande fito de Galaxia é ese, estar aquí despois de todo ese tempo, co mesmo espírito de servir aos galegos e ás galegas. Galaxia é a casa común de todos nós, a que garda a nosa alma».

«Eu case prefiro denominalo milagre -atrévese Freixanes-: que un proxecto siga activo con ese pulo, con esa enerxía, e que despois de 70 anos teña capacidade para resistir épocas duras de crise como o período 2008-2012 que eu vivín directamente, ou esta mesma que sufrimos agora, é un milagre».

Talvez sexa porque Xaime Isla, Francisco del Riego, Piñeiro e por suposto Otero Pedrayo sabían o que estaba en xogo: a súa propia vida, como ben explica Malores Villanueva, profesora e autora da tese A editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. «Galaxia é precisamente iso: unha aglutinación de estrelas, de persoas que despois do 36 quedaran desconectadas polo exilio ou porque foran inhabilitadas, como Del Riego, que daba clases na universidade, ou Otero Pedrayo, a quen lle sucedera o mesmo. Todos quedaran moi mancados no persoal, sufriran as consecuencias do que se impoñía nas súas propias carnes». Galicia era a súa vocación, a quen se debían e por iso, di Castro, «Galaxia é a sociedade anónima máis rara, porque nunca ningún accionista recibiu un céntimo».

Non é unha empresa

«Aquí -engade Vidal- ninguén cobrou nada polo seu cargo, nunca Galaxia repartiu dividendos. Todos os beneficios, se os hai, reinvístense a prol da cultura. E isto faise desde sempre e así seguirá sendo. Non somos unha empresa ao uso, non somos unha distribuidora de libros». «En Galaxia nunca verás publicado Cincuenta sombras de Grey -indica Castro- por moitos cartos que puidese dar. Imos traducir Harry Potter e traducimos o Ulises, porque nós queremos -aínda que perdamos cartos- que os nenos e nenas galegos teñan a posibilidade de ler a Harry Potter en galego. E os adultos a Joyce. Cantos van lelo? Esa non é a cuestión, senón poder darlles esa opción».

Entre os grandes supervendas da editorial destaca Malores Villanueva A Guía de Galicia que fixo Otero Pedrayo e que vendeu dez mil exemplares. «É unha barbaridade, tendo en conta a pouca alfabetización que había e a xente que lía nesa época en galego.

Otero fai nese momento unha actualización da guía do ano 1924, modernízaa, ponlle mapas novos e resulta un bum». Case como Domingo Villar agora, non? «Si, e hoxe vender 10.000 é moitísimo!», sinala Villanueva.

Os «best sellers» da editorial

«Fíxate —indica Castro—, eu creo que ese é outro dos grandes fitos actuais de Galaxia. Cando lle dixen a Villar que metiamos no prelo con O último barco ese número de exemplares, asustouse. E mira, en nada tivemos que tirar 3.000 máis porque esgotamos a primeira edición enseguida. Os tres libros de Domingo Villar foron un éxito, como é aínda Memorias dun neno labrego, que segue a ser un dos máis vendidos, ou A Esmorga, ou con toda a humildade, Chamádeme Simbad, que escribín eu, ou O Principiño, que traduciu con ledicia Casares».

Nesa mestura entre clásicos e novos, entre a recuperación e o horizonte, está a afouteza de Galaxia desde os seus inicios, porque rapidamente Xaime Isla, o fundador, creou a colección Illa Nova, xogando co seu apelido e o da súa muller, Cristina Nóvoa, para dar pulo aos autores que merecían a primeira oportunidade. De aí van saír Ferrín, Xohana Torres, Franco Grande. E anos despois, Carlos Casares, que tamén é un Illa Nova, porque publica nesa colección Vento ferido.

Ferrín, Franco Grande e Torres

«Isla aglutinou a toda esa xente nova dos cincuenta, consciente de que sen esa vía non habería continuidade. O primeiro número da colección Illa Nova é o Vieiro Choído de Franco Grande, que acaba de falecer recentemente; o segundo é o libro de Xohana Torres, Do sulco; e o terceiro, Percival e outras historias de Ferrín. Estamos falando de 1957», explica Malores Villanueva. De aí sae unha xeración importantísima, que se coñece como A Nova Narrativa Galega.

Quen era o que tiña olfacto, o que percibía que detrás había un grande escritor? «Del Riego era ese home, Isla era o proxectista, o das grandes ideas, aínda que despois lle custaba concretalas. Pero Francisco Fernández del Riego era quen insistiu para que Álvaro Cunqueiro escribise en galego. E mesmo que escribise. Porque Cunqueiro tiña todo ese mundo de fantasía na cabeza —conta Villanueva—, pero era tamén disperso. Hai constancia nas cartas da teima de Del Riego para que escriba, para que publique, e grazas a el saíu ese Merlín e familia, e todos os demais libros que viñeron detrás». «Cunqueiro foi sen dúbida un dos grandes autores de Galaxia, transcendeu máis alá desa etapa e chega a ser un escritor de referencia. Como poeta foi importantísimo, influíu moito na xeración dos oitenta e noventa, e sen Galaxia non habería Cunqueiro, imaxínate!», conclúe Villanueva.

Del Riego é tamén quen ve rapidamente a soltura literaria de Méndez Ferrín. «Tiña só 19 anos, pero viulle ou pulo, a tensión na escrita, iso está recollido nunha carta que lle envía a Piñeiro, fálalle con admiración de Ferrín e dille: 'Este autor está chamado a ser un grande da literatura'», conta Villanueva, quen apunta que os fundadores «tamén eran conscientes da importancia do pensamento, da reflexión en todos os ámbitos. E aí está a revista Grial, ou persoas como Xosé Manuel Beiras, que é da xeración de Ferrín, escribindo na Revista Económica de Galicia, que sustenta Galaxia. Todos eles querían denunciar tamén a situación económica, o atraso que había aquí». A emigración, segundo relata, é fundamental para sacar todos estes proxectos adiante, porque eran os cartos chegados de Arxentina ou Uruguai os que daban folgos á editorial neses tempos.

«Galaxia tampouco se entende —apunta Francisco Castro— sen a figura de Carlos Casares, que chegou a ser no 85 o seu director, e que construíu ao seu carón todo o sistema da literatura infantil e xuvenil que hoxe exportamos, porque é unha das máis potentes de Europa. Casares aglutinou a Helena Villar Janeiro, María Victoria Moreno, Antón Cortizas ou Antonio García Teijeiro. A el debémoslle, entre outras achegas, ese gran legado».

O pensamento feminista

Se Xohana Torres foi a primeira muller en publicar en Galaxia a finais dos cincuenta, o fito recente, explica Francisco Castro, é o feminismo, a colección de pensamento feminista que deu éxitos como Feminicidio de Carme Adán, ou Chámame señora, pero trátame como a un señor de Inma López Silva; obras que axitaron o pensamento. «É unha colección acorde co que debe ser Galaxia no século XXI, reivindicámonos como unha editorial feminista con intención de intervir na realidade.

Haberá unha muller presidindo Galaxia?, preguntámoslle a Antón Vidal. «Xa podía habela, porque desde logo están presentes e non o digo por quedar ben ou como xesto de modernidade, que as mulleres sosteñen a cultura en Galicia é evidente».

Con tantos fitos e ese reto quedamos, esperando ver florecer Galaxia 70 anos máis.

 

 

Antón vidal

Presidente de Galaxia

«Nunca na historia da editorial ningún cargo ou accionista cobrou nada. Todo é reinvestido no proxecto»

Francisco Castro

 Director xeral de Galaxia

 «Aquí non verás traducido 'Cincuenta sombras de Grey' por moitos cartos que dea, temos outra vocación»

Malores Villanueva

Editora e profesora

 «Del Riego tiña moito olfacto, foi o primeiro en descubrir a Ferrín cando só tiña 20 anos; e grazas a el Cunqueiro publicou»

Víctor Freixanes

Presidente da RAG

«Naceu con vocación de resistencia política, pero os fundadores tiñan claro que miraban ao futuro, á xente nova, á modernidade»