Pilar García Negro: «A Carvalho indignábao a imposición por decreto dunha soa forma de galego»

FUGAS

No disponible

A profesora e discípula lembra a figura dun home «aparentemente distante» dunha vasta cultura que publicou todos os xéneros: «O paradoxo é que celebramos a un escritor que non podemos ler»

17 may 2020 . Actualizado a las 01:12 h.

Aprofesora de Literatura Galega Pilar García Negro destaca a figura de Carvalho Calero, a quen primeiro coñeceu como alumna e ao que logo tratou en conferencias e seminarios como especialista ata acadar unha relación persoal de afecto. ­

-Temos a idea de que Carvalho é unha persoa seria, distante. É a súa impresión?

-Eu fun alumna del entre 1972 e 1975, era un profesor serio, aparentemente distante, porque logo era accesíbel. Moi rigoroso no traballo e extraordinariamente xusto nas cualificacións. Logo, xa de profesora, tiven moito contacto con el. Era unha persoa afable, deferente e moi democrático no trato. El expuña as súas valoracións de maneira  mesurada, nunca pontifical e nunca pedante, sendo unha persoa dunha grande cultura, dunha erudición enorme e dunha memoria prodixiosa.

­-Era moi bo divulgador, non?

-Si, era unha persoa moi pegada á actualidade, e así o demostran todos os artigos que publicou en La Voz. Era un magnífico comunicador, sabía adaptarse a un público amplo, que non é fácil. Eu teño moi viva aínda a derradeira conversa que tiven con el por teléfono, foi en Lugo a véspera de Reis no ano 90, chameino para felicitalo polo nomeamento de Fillo Predilecto de Ferrol. E el agradeceu, pero decontado felicitoume a min porque se celebraran eleccións e eu entraba por vez primeira no Parlamento Galego polo BNG. Estaba pendente da actualidade e dos demais. En calquera acto no que eu participaba con el, dicía: «A miña exalumna, Pilar, e se ela se considera discípula, discípula». Por suposto que eu o ratificaba. El tiña unha posición de xenerosidade.

­-Que destaca do seu legado?

-Eu levo agora meses relendo a obra del. Subliño ese verbo, reler, e non deixo de admirarme. Porque é un grande da Galiza. Pola súa formación rigorosa, pola avidez cultural enorme e pola vontade firmísima mantida mesmo en épocas de penuria e represión, xa non digo na guerra e no cárcere, senón na posguerra. Esa vontade que el expresou como «esperar contra toda esperanza» e saber que Galiza merecía ser construída culturalmente. Dedicouse a iso.

-É curioso, vendo os tempos que estamos a vivir, que a súa nai morre por gripe española. Iso é definitivo, márcao.

-Si, tiña 8 anos. É un drama. El mesmo nun poema di: «Eu, neno, matei a miña infancia co coitelo da miña gravidade». Marcou o seu carácter. El sendo vello dicía que se vía moito máis serio e grave de mozo. É unha característica del notábel, esa responsabilidade marcada desde neno, tamén nos estudos. El tiña un expediente brillantísimo, era moi prezado polos profesores. Un vaticinou que ía ser alguén destacábel. Despois, claro, xa foi membro activo do Seminario de Estudos Galegos e logo estivo no Partido Galeguista.

-Foi tachado de «separatista», termo hoxe moi utilizado.

-Si, si. Esa foi a acusación do fiscal: «Individuo separatista». E aí xa comeza a condena de 12 anos e un día de reclusión maior. No ano 41 é liberado, pero nunhas condicións precarias. E sen dereitos civís, non pode retomar o seu antigo traballo e non pode opositar. A viúva contábame que neses anos posteriores, na década dos cincuenta, había a posibilidade de retractarse, pero el nunca quixo. Tivo que esperar ata o ano 64. Aí é cando saca logo a praza no instituto Rosalía de Castro de Santiago, obtén o número un. E tamén dá clase na universidade. No 72 xa obtén a cátedra.

-El considerábase un galego universal.

-Si. Nas definicións que lle interesaban de verdade era enormemente claro. Que entende el por galego universal? Nacer en calquera lugar de Galiza, ou onde haxa galegos, como Bos Aires, e querer que Galiza figure nunha parte do universo. Galiza, célula de universalidade, pero desde aquí, non como porción subordinada doutras realidades. Senón como pobo galego. -Quen favorece esa avidez desde neno?

-Os seus pais, van ao teatro con el, el pregunta todo, era un neno curioso, pero na súa casa líase a Curros e Rosalía. A primeira vez que pon un pé na Coruña é o seu pai quen lle di pola rúa: «Mira, ese señor é Murguía». A partir deste bo ambiente, medrou. El falaba de dous mestres: Comellas Coimbra e Nicolás García Pereira, dous escritores. E logo foron fundamentais as dúas universidades, a propiamente dita, e o Seminario de Estudos Galegos. El é fillo espiritual de Castelao e Otero Pedrayo. El é o primeiro crítico da novelística de Otero Pedrayo. Carvalho admira tamén outras literaturas, e proba diso é o seu discurso de ingreso na RAG, no que fai o rastrexo das influencias literarias de Rosalía.

-Como vería agora o movemento MeToo, era feminista?

-El nin era feminista nin anti. Se el tivese algún prexuízo respecto ao feminismo, non se tería ocupado de Rosalía de Castro, como a autora fundadora da literatura contemporánea. Ocupando centos e centos de páxinas. E igualmente de Francisca Herrera ou Xohana Torres ou Emily Dickinson ou Christina Rossetti. Pero el é un señor da súa época, e da súa clase social, e isto condiciona unha instalación de vida. Pero non hai aplicación de prexuízos que observamos noutro persoal de moita menos idade ca el.

«El nunca se considerou disidente nin heterodoxo, senón continuador da ortodoxia dos pensamentos e dos principios do Partido Galeguista»

-Como vive el a polémica do cambio da grafía do apelido?

-Cómpre aclarar que el nunca se considerou disidente nin heterodoxo, senón polo contrario, continuador da ortodoxia dos pensamentos e dos principios políticos e lingüísticos do Partido Galeguista. El defendeu o principio da romanística clásica: o galego e o portugués son variantes da mesma estrutura lingüística; ou noutras palabras, o portugués é directamente derivado do galego, da Gallaecia romana, e en nome diso el defende un diálogo entre ambas variantes. Así como a adopción de elementos gráficos que pertencesen de forma común a ese sistema. Pero nunca impositivamente, senón moi atento á receptividade social.

-Con que non está de acordo?

-A el o que o indignaba era a imposición por decreto dunha única forma do galego: el pedía un período necesario de diálogo, de solucións desas formas que existían, e que eran galegas. E tamén indignábao a imposición desa única forma a todos eses clásicos galegos. Pensa que coñeceu, tratou e amou en vida a Castelao, Risco, Otero... El dicía que os obrigaban a acatar unha norma que eles xamais puideron coñecer. Aplicando ao seu galego unha ortopedia forzada. O asunto é político-lingüístico, non a escrita. Pero el nunca desprezou nada escrito en galego pola súa forma gráfica. El despois ironizaba, con todas as que pasou no cárcere e na posguerra, que nos setenta e oitenta había moito galeguista de nome e de nómina. Carvalho non entra no sistema que se instala aquí na preautonomía.

-Celebramos, con todo, a figura do escritor. Que debería transcender?

-Hai que ter en conta que el escribiu en todos os xéneros: teatro, novela e poesía. E se reparas, asistimos a outro paradoxo rechamante: celebramos ao escritor, si. E a un escritor haino que poder lelo. Eu teño toda a súa obra en varias edicións, pero neste 2020 fóra de xente da miña idade ou dalgunhas bibliotecas, non pode lerse. Non é un escritor reeditado. Non hai reedicións modernas. Só está a novela Scórpio e algún conto, pero que menos que poder ler a Carvalho o ano que celebramos a Carvalho.