As liñas cronolóxicas que case se rozan no nacemento de Celso Emilio Ferreiro e Carvalho Calero, a proximidade ideolóxica no ámbito do galeguismo nos tempos da República ou o trato derivado da publicación do libro Anxo da terra (1950) na colección Benito Soto en que Celso Emilio colaboraba activamente, non se reflectiron no tratamento crítico que a obra do celanovés suscitou no polígrafo ferrolán, por outra parte case inexistente.
No corpus epistolar conservado na Fundación Celso Emilio Ferreiro custódiase unha tarxeta datada en xaneiro de 1955 en que Carvalho agradece a recepción de O soño sulagado ao que engade, no envés, unha sucinta e significativa valoración cifrada nestes termos: «Bo exempro da poesía que require o intre actual da nosa terra». En diversos artigos nos que Carvalho xulga a poesía galega da posguerra en diante non trata directamente a produción de Celso Emilio Ferreiro, o que avala talvez a tese dun distanciamento estético. De feito, as dúas únicas referencias explícitas ao autor de Celanova son as palabras que lle dedica á biografía sobre Curros Enríquez -na Historia da literatura contemporánea- por cuestións de método e mais unha valoración na revista Saber leer (nº 11, 1988) onde analiza a escolma poética de Luciano Rodríguez Gómez -Desde a palabra, doce voces: nova poesía galega- en función da escasa influencia da obra ferreiriana nos máis dos poetas antologados.
A CARTA
Dun ou doutro xeito Celso Emilio Ferreiro, no ano 1956, esténdelle como mediador unha invitación para a publicación dun libro de poesía na colección «Juan Rodríguez del Padrón», que ideara Camilo José Cela para orixinais poéticos en galego. En novembro dese ano agradece que o seu Salterio de Fingoy fose aceptado, mais pouco despois -carta superior- e «lonxe do mundanal bruído» confirma a recepción tanto dun «nadal» como dunha separata da revista Papeles de Son Armadáns (probablemente co poema «O tempo solprendido») mais, sobre todo, inquíreo sobre o retraso nas datas de publicación do seu libro. A inviabilidade do proxecto determinou que só vería a luz, finalmente, no ano 1961 na colección Salnés de poesía na que tamén desempeñaba funcións de codirector o propio Celso Emilio.
Dez anos despois do falecemento de Celso Emilio, entendo que Carvalho Calero lle rende ao autor de Longa noite de pedra un tributo que os une no substancial. Na publicación Voz y voto (Edicións Patronato Curros Enríquez) participa co poema «Arredor de si» dedicado «A C.E.F., in memoriam». Unha conmovedora e dura composición, logo incluída na sección homónima de Reticências (1990) baixo o título de «Como pudemos», na que subxace unha conexión vital e xeracional con Celso Emilio, inquiríndose sobre as dificultades dunha vida compartida nunha atmosfera tan frustrante e afastada dos ideais de mocidade que, malia todo, compartiron.