A música en directo marca a cadencia na Cidade da Cultura Reflexións sobre o sector na era poscovid-19 e asesoramento

M. GARCÍA

FUGAS

Manuel G. Vicente

Os concertos, con aposta polos grupos galegos e un amplo abano de estilos musicais, son os referentes na reincorporación das actividades presenzas á programación do Gaiás

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De Mozart aos ritmos electrónicos máis actuais. A música ao vivo convértese na gran protagonista na volta das actividades presenciais á Cidade da Cultura despois da crise sanitaria provocada polo coronavirus. O repertorio barroco de El Afecto Ilustrado, o cancioneiro tradicional galego de Faia e a música electrónica de Chisme no Día da Música abriron o pasado domingo un camiño que terá continuidade agora co novo ciclo de Matinais Clásicas, cos concertos xa habituais todos os veráns de Atardecer no Gaiás e co novo programa Galicia Emerxe, que chegará en setembro. Todos eles estarán marcados polos protocolos de seguridade, que manteñen o distanciamento social e limitan a capacidade.

Mañá, sábado, arranca o novo ciclo de música clásica, Matinais Clásicas, no que se propón unha viaxe desde o clasicismo de Mozart á música contemporánea galega de Joam Trillo, pasando por Beethoven, Crusell, Schubert ou García Abril. A programación consta de tres actuacións a partir das 12.00 horas os sábados ata o 11 de xullo no Museo Gaiás. A mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo será a encargada de subir o pano nun concerto acompañada polo pianista Alejo Amoedo. Ofrecerá un recital conformado maioritariamente por canción galega, cun programa que inclúe desde o Miña nai, miña velliña, de Carlos Cambeiro, ao Negra Sombra, de Juan Montes; ou a Romanza La Encarna, de Reveriano Soutullo e Juan Vert.

Manuel G. Vicente

Os concertos continuarán o día 4 coa agrupación M. Sancho Quartet, fundada no 2015 pola clarinetista Marta Sancho Andrés, que ofrecerá un percorrido pola música de cámara para clarinete e trío de cordas, que abrangue desde o clasicismo á actualidade. Interpretarán pezas de Mozart, Schubert e Crusell. A clarinetista Marta Sancho está acompañada por Anca Smeu (violín), Timur Sadykov (viola) e Alejandra Díaz (cello).

O peche para este novo ciclo en torno á música clásica chegará co regreso aos escenarios tras o parón obrigado pola situación sanitaria da Real Filharmonía de Galicia, que retoma as actuacións presenciais con este concerto no que interpretarán obras de Mozart, Beethoven, Trillo e Granados. O máximo de asistentes a cada unha das citas é dun cento e é preciso reservar as entradas con antelación, como sucedeu no Día da Música. A Cidade da Cultura deseñou uns círculos para as citas no interior para que se respecten as distancias esixidas, ademais doutros protocolos de entrada e saída.

Entre o 9 de xullo e o 27 de agosto volverá un dos referentes da Cidade da Cultura no verán: o ciclo Atardecer no Gaiás, que nesta ocasión tamén adapta o seu formato á nova situación e ao protocolo de seguridade sanitaria. Estes concertos mantéñense ao aire libre e serán de balde, pero, a diferenza dos últimos anos, en lugar de tres días á semana, terán lugar soamente os xoves e con límite de asistentes. A aposta, segundo indican desde a organización, é por formacións con estilos que conviden a escoitar música repousada, xa que se colocarán cadeiras ou puf. Tamén será necesaria a inscrición previa na páxina web da Cidade da Cultura. Por último, xa en setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá os concertos do programa de música ao vivo Galicia Emerxe, no que participarán medio cento de artistas e grupos profesionais galegos de diferentes estilos musicais. As actuacións serán emitidas polas canles e plataformas dixitais da CRTVG.

Os grupos e artistas galegos serán os grandes protagonistas destas citas co obxectivo tamén, segundo indican desde a Cidade da Cultura, de que a programación sirva como unha ferramenta para reactivar o sector musical, que viu como moitas das actuacións previstas se cancelaron ou aprazaron debido á crise sanitaria.

actividades en liña

O regreso das actividades en directo á programación non supón a despedida das propostas en liña que emerxeron durante os meses de confinamento. Así, continúan as iniciativas na rede ou semipresenciais. Na web da Cidade da Cultura pódense atopar desde as visitas virtuais ás exposición e arquitectura do Gaiás, aos contacontos en liña do Club das Lerchiñas, ás videorreceitas animadas para cociñar coa cativada das Cociñeiras Ilustradas ou o campamento de maxia co ilusionista galego Pedro Volta na Escoliña de Merlíns e Morganas.

Ás actividades de lecer, a Consellería de Cultura, a través da Cidade da Cultura, engadiulle iniciativas destinadas principalmente aos profesionais do sector. Neste ámbito enmárcanse os foros #aculturasegue: reflexións sobre a cultura na era poscovid-19, que contaron cunha serie de especialistas de distintos campos que abordaron os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas, do audiovisual ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria. Ao longo de cinco semanas participaron, entre outros, a cineasta Carla Simón, a responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano; os directores artísticos de La Fura del Baus, Carlus Padrissa, e Voadora, Marta Pazos; e o crítico musical Juan Ángel Vela del Campo. Todos poden ser revisionados na canle de YouTube da Cidade da Cultura. Por outra banda, tamén está activo un servizo de asesoramento a empresas e profesionais culturais impulsado pola Xunta en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago. Está dispoñible en liña e de xeito presencial no Museo Gaiás.